Foi reformada totalmente no século XVII; no ano 1726 reformouse o frontispicio. Ten planta de cruz latina, con nave rectangular e brazos curtos da mesma forma. O presbiterio é rectangular, igual que as dúas pequenas estancias apegadas nos ángulos que se forman entre o presbiterio e os brazos do cruceiro. Confórmana muros de cachotería e cantería de granito e lousa.
O arco triunfal é de medio punto. A nave está cuberta con bóveda de canón dividida en tres tramos con catro pilastras con arco de medio punto e imposta. A portada principal é alintelada, con frontón recto, pilastras ornamentadas con placas e porta moldurada. O retablo da capela maior é de estilo neoclásico, realizado por Tomás Figueroa Rodríguez.