ALLARIZ

Centros históricos
No Camiño de Santiago
990

Localización

Coordenadas:
42º 11' 24.0" N - 7º 48' 05.6" W

Camiños de Santiago

Vía da Prata

A non perder

Festa do Boi: durante o Corpus (xeralmente en xuño, aínda que sen data fixa, pois celébrase sesenta días despois de Pascua). Sóltase un boi pola vila atado cunha corda que é controlado por varios homes mediante a «guillada», rememorando o lendario feito da arremetida de Xoán de Arzúa, montado sobre un touro, contra uns xudeus que se mofaban dos cristiáns durante a procesión do corpus. Declarada de interese turístico.

Feira do Doce, Amendoado e Melindre: enxalza a repostería tradicional de Allariz durante a primeira quincena de setembro.

Para coñecer

Barrio Xudeu: asentado no s. XIII extra muros no barrio de Socastelo, que acolleu unha importante xudería medieval.

Campo da Barreira: amplo espazo aberto limitado polo norte por un lenzo medieval da muralla da vila; no seu centro conta cunha fermosa fonte barroca, obra de Ferro Caaveiro, e nun dos seus laterais aparece o Real Convento de Santa Clara. Este mosteiro feminino foi fundado en 126 8 por dona Violante, esposa de Alfonso X, O Sabio. O edificio actual data do s. XVIII e conta cun importante museo de arte sacra, destacando a Virxe Abrideira de Marfil. Posúe o claustro máis grande de España. Nesta área empregada tamén como lugar de celebración da feira quincenal, podemos admirar a Igrexa de San Bieito, erixida no s. XVIII cuns fermosos lanterna e campanario.

Museo Iconográfico «Aser Seara»: na rúa Castelao. Interesante colección de Arte Sacra con imaxes románicas, góticas e barrocas.

Casa Museo Vicente Risco: na rúa San Lourenzo. Acolle a biblioteca e o despacho do insigne escritor galego, así como documentos, debuxos e obxectos relacionados co literato.

Ponte e Igrexa de Santa María de Vilanova: ambas construídas no século XII, trátase dun fermoso e atraente conxunto románico ao que se chega ao final do paseo do Arnado.

Penedo da Vela e Castelo: lugar onde se asentaba o desaparecido castelo da vila, perfecto miradoiro para ollar a vila e as ribeiras do río. Especialmente boa é a panorámica sobre a Igrexa de Santiago, un dos mellores exemplos do románico popular galego na Praza Maior, e as súas inmediacións, onde destacan o Pazo do Xulgado, na rúa do Portelo (hoxe alberga o Museo do Xoguete con pezas que van dende comezos do s. XX ós anos 1960), e a Casa Torre de Castro Oxea (Torre do XVI, pazo do XVIII). Máis cara ao sur divísase a Igrexa de San Pedro (románica de finais do s. XII) e cara ao leste a Igrexa de Santo Estebo (s. XII e reformas no XVI), que conta con tres sepulcros medievais.


Aldea singular

O visitante de Allariz non debe deixar de visitar as recuperadas riberas do Arnoia, que conforman o arborado paseo do Arnado, un logradísimo parque etnográfico que recupera artes e tradicións do pasado agrícola e artesanal. Componse de tres pezas fundamentais: o Muíño do Burato, o Museo do Tecido «O Fiadeiro» e o Museo do Coiro, situado no antigo curtidoiro dos Nogueira, que conta cunha cafetería restaurante. Unha ponte peonil de madeira comunica as dúas beiras do río e permite deleitarse con todos estes elementos moi facilmente. Esta intervención de recuperación integral da ribeira do río e do seu patrimonio foi a base da consecución do Premio Europeo de Urbanismo en 1994.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba