CORCUBIÓN

Centros históricos
1615

Localización

Corcubión - A Coruña

Coordenadas:
42º 56' 40.3" N - 9º 11' 36.4" W

Para coñecer

Arquitectura civil: aínda que no casco histórico de Corcubión cómpre destacar a compactidade e unidade do núcleo, hai que significar algunhas construccións civís de elevado valor patrimonial, como os Pazos de Altamira (s. XV), Traba (medieval moi reformado), Teixeira, Dios e Pose, Castrexe e o de José Sendón, todos eles do s. XVIII. No século XIX a vila viviu unha época de esplendor burgués grazas ao auxe do comercio e dos servizos dos que fornecía á comarca, quedando constancia do poderío económico das clases acomodadas nunha serie de construccións modernistas e de estilo ecléctico como a Casa Miñones (1894), a casa do Antigo Xulgado ou as edificacións burguesas da Avenida da Constitución, ademáis do edificio do Antigo Cárcere, no porto. É necesario destacar tamén a arquitectura promovida por indianos, como o edificio José Carrera (1924), hoxe Casa do Concello, creado por este filántropo que quería dotar a súa localidade de nacemento dunha Escola Práctica de Artes e Oficios.

Igrexa de San Marcos: fermoso exemplo de templo gótico mariñeiro (s. XV), aínda que a fachada foi reconstruída no século XIX tras os estragos dun temporal. No interior conserva unha orixinal talla sedente do seu patrón, San Marcos da Cadeira, de orixe italiana traída polos navegantes venecianos que frecuentaban esta costa en misións comerciais. No eido da arquitectura relixiosa sobresae tamén a Capela do Pilar, de cronoloxía recente (1931), empregada na actualidade como auditorio e espazo para a realización de actividades culturais.

Museo Marítimo Seo de Corcubión: situado a carón da praia de Quenxe. As instalacións do museo localízanse nunha antiga factoría de salgadura de peixe. Conta cunha colección de máis de mil pezas relacionadas coa vida mariñeira e marítima da Costa da Morte.


A non perder

Festa de San Marcos: o día de San Marcos, 25 de abril, é festa local e sácase ao patrón da vila en procesión polas rúas do núcleo. É unha romaría moi enxebre e concorrida.

Feira Medieval: celébrase a terceira fin de semana de xullo, momento no que a vila se converte nun Mercado Medieval no que os veciños se visten con roupas de época e no que se ofrecen produtos artesanais de coiro, madeira, ourivería e gastronómicos en postos de venda que enchen as rúas do núcleo.

Aldea singular

A bravura do mar da Costa da Morte ofrece algúns recunchos de calma, protexidos e abrigados, de fermosas e evocadoras paisaxes, como as que se poden contemplar en Corcubión achegándonos ao Castelo do Cardeal na Punta Pión. Máis adiante, pola mesma estrada, aparece o faro do Cabo de Cee, emprazado nun lugar esgrevio que ofrece moi boas vistas das vilas de Fisterra e Cee, así como do Monte Pindo e do perfil recortado e penedío deste tramo costeiro. Moi preto, seguindo camiño, atopamos tamén a Igrexa de Redonda, fermoso exemplo románico (s. XII-XIII) de reducidas dimensións pero de gran valor artístico.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba