PADRÓN

Centros históricos
No Camiño de Santiago
1533

Localización

Padrón - A Coruña

Coordenadas:
42º 44' 17.3" N - 8º 39' 38.0" W

Camiños de Santiago

Camiño Portugués
Ruta do Mar de Arousa e Ulla

A non perder

As festas de Pascua e Pascuíña (ó finalizar a Semana Santa) contan con moita tradición en Padrón e atraen xentes de toda a comarca.

Festa do Pemento, en Herbón, moi preto da vila celébrase a primeira fin de semana de agosto esta importante festa gastronómica declarada de Interese Turístico, que exalta os famosísimos e diminutos pementos locais.

Para coñecer

Igrexa de Santiago, neoclásica, levantada sobre restos de templos máis antigos, dos que se conserva algún elemento como o púlpito do s. XV cunha imaxe de Santiago Peregrino. Alberga o Pedrón, que lle da nome á vila, baixo o altar maior, que non é outra cousa que un ara romana votiva dedicada a Neptuno. Moi preto da igrexa, cruzando a ponte que atravesa o Sar, está a Fonte do Carme, na que nun nicho aparece representado o bautismo da Raíña Lupa, pagá reconvertida ao cristianismo nos tempos do traslado dos restos do Apóstolo a Compostela, aspecto ao que alude un relevo tallado na mesma fonte. Detrás da fonte, nun outeiro rochoso, aparece o convento do Carme (s. XVIII), cun excelente miradoiro sobre a vila e a comarca do Sar.

Na vila está o romántico Paseo do Espolón, arborado á beira do Sar, que conta cun Monumento a Rosalía de Castro. Da escritora consérvase a Casa Museo da Matanza, onde viviu e morreu; conserva obxectos persoais e nela rememórase a súa vida e obra.

Xardín Botánico-Alameda, construído a mediados do XIX, ten numerosas especies exóticas de árbores. De deseño francés, é o máis grande de Galicia deste tipo.

No contiguo núcleo de Iria Flavia cómpre visitar a Fundación Camilo José Cela, situada no lugar de nacemento do insigne escritor, a Casa dos Coéngos (s. XVII), onde se garda documentación sobre a súa vida e obra e unha colección pictórica de primeira orde. Fronte á fundación aparece a Colexiata de Santa María Adina, de orixe paleocristiá, con portada gótica do s. XIV, aínda que a maior parte do conxunto é barroco.


Aldea singular

Todos os domingos celébrase en Padrón un popular e moi concorrido mercadiño, cheo de tipismo, no que se vende roupa, calzado, produtos gastronómicos locais, artesanía popular, marroquinería, animais domésticos..., e no que non faltan as pulpeiras, aínda que o máis enxebre son os postos de venda de verduras cultivadas na veiga de Padrón e os peixes que se ofertan na praza de abastos a carón da cal se desenvolve a feira (Campo do Souto e Paseo do Espolón).


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba