PONTEDEUME

Centros históricos
No Camiño de Santiago
759

Localización

Coordenadas:
43º 24' 21.0" N - 8º 10' 06.2" W

Camiños de Santiago

Camiño Inglés

A non perder

Un elemento moi atractivo é o chamado Feirón, mercado semanal dos sábados onde se pode adquirir un pouco de todo, pero no que os produtos gastronómicos locais teñen gran cabida, sendo un lugar óptimo para mercar as empanadas costradas (especialidade follada local) ou a repostería propia do lugar, como a proia mantecada, os melindres, os amendoados ou os biscoitos.

O primeiro domingo de setembro celébrase a Festa das Peras na honra da Virxe das Virtudes e de San Nicolás de Tolentino, na que se poden degustar estas froitas preparadas de diferentes formas. Acompaña a festa a música de gaitas e tambores, así como cucañas marítimas, fogos artificiais e unha churrascada popular.

Para coñecer

Igrexa Parroquial de Santiago: construída no século XVIII sobre unha obra anterior do século XVI por iniciativa do que foi arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada, natural da vila. No interior destaca o sepulcro de Fernando de Andrade, do século XVI, momento en que tamén foi construído o retablo maior. Este clérigo tamén levantou un Palacio Raxoi na vila, máis modesto có compostelán, pero de moito mérito artístico. Estes monumentos están na parte alta do núcleo eumés, dende onde se baixa por típicas ruelas ata a Praza do Conde, onde se erguía o pazo do Conde e o Castelo dos Andrade, conxunto do que só se conserva hoxe a Torre dos Andrade, de gran beleza e orixe gótica.

Convento de San Agostiño: está situado no outro extremo da vila. Foi fundado no século XVI por Fernando de Andrade; coa Desamortización de 1835 deixou de pertencer á igrexa e hoxe funciona como Casa da Cultura.

Igrexa das Virtudes ou do Souto: situada no final da Alameda. Edificada sobre unha anterior do s. XVII; o seu exterior é austero pero ten un retablo churrigueresco no interior.

Outros edificios de interese son a Cátedra da Latinidade, herdanza dunha cátedra de estudos fundada no s. XVI, construción sobria e elegante. O Edificio das Lonxas, neoclásico, que destaca pola súa horizontalidade. E o Edificio do Mercado, de estilo colonial do s. XX (1944).

Ponte do río Eume: ponte de pedra que lle da nome á vila. Durante séculos foi a máis longa de España, con 850 m. A súa orixe remóntase ao século XIV, aínda que a actual é obra de mediados do século XIX. Na rotonda de entrada figuran un xabaril e un oso, emblemas da liñaxe dos Andrade.


Aldea singular

Pontedeume é a porta de entrada ao Parque Natural das Fragas do Eume, un dos últimos bosques atlánticos a nivel europeo, relicto da Era Terciaria, que conserva o manto vexetal autóctono de carballos, castiñeiros, loureiros, érbedos e acivros. Conta ademais cunha gran riqueza faunística. O mosteiro de Caaveiro (románico e barroco) no alto dun outeiro no corazón do bosque permite unha gran vista do conxunto das fragas e dá idea da súa grandiosidade.

Na contorna do Parque e nas proximidades de Pontedeume destaca o proxecto pioneiro da rede de Cantinas do Eume, cun servizo de comidas baseado na elaboración de pratos de cociña local e rexional cos máis estritos criterios de calidade que fan as delicias dos visitantes da comarca.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba