PORTOMARÍN

Centros históricos
No Camiño de Santiago
697

Localización

Portomarín - Lugo

Coordenadas:
42º 48' 25.4" N - 7º 36' 56.8" W

Camiños de Santiago

Camiño Francés

Para coñecer

Igrexa de San Nicolao: antigamente era coñecida como igrexa de San Xoán pois era un templo-fortaleza custodiado pola Encomenda de San Xoán de Xerusalén, que permaneceron ata o s. XIX cobrando unha peaxe na ponte. Trátase dun dos monumentos románicos (s. XIII) máis singulares de todo o Camiño de Santiago, polo seu aspecto, distribución de volumes e magnífica cabeceira. Destaca o rosetón da fachada e a decoración das súas portas, especialmente a do lado sur con motivos naturais e a representación dos vintecatro anciáns da Apocalipse rodeando o Salvador. Fronte á Igrexa, na mesma praza, está o Pazo do Xeneral Paredes ou Casa do Conde da Maza (s. XVI), fermoso exemplo de arquitectura civil e hoxe sede da Casa do Concello. ao sur da praza aparece a Igrexa de San Pedro, cunha fermosa portada románica do s. XII, e ao seu carón o brasonado Pazo da Marquesa de Bóveda e Limia ou Pazo de Berbetouros (s. XVIII), edificios ambos trasladados dende o antigo barrio de San Pedro dende o vello Portomarín.

Na entrada da vila, a carón do viaduto construído para salvar o encoro, foron trasladados dende o seu primitivo emprazamento un arco da ponte vella sobre o Miño, de orixe medieval e baseamentos romanos, e a románica capela de As Neves.


A non perder

Festa da Augardente: festa das de maior raizame entre as cualificadas como gastronómicas en Galicia, tanto pola súa antigüidade, celebrada dende os anos 1970, como polo seu tipismo. Celébrase o Domingo de Pascua, cando na praza da vila se destila a augardente premiándose a mellor despois de faceren as catas tanto os Cabaleiros da Serenísima Orde da Alquitara coma os romeiros que se alí se atopan.

Aldea singular

O encoro engádelle un elemento mítico á vila, neste caso auténtico, pois a lenda sobre vilas asolagadas tan común en Galicia tórnase real en Portomarín, onde durante as secas do verán se poden observar os restos do antigo pobo existente antes do traslado á súa nova localización no alto do Monte do Cristo, con moitas das súas casas, pontes, rúas, muíños e paseos case intactos, momento no que o paseo polas ribeiras do embalse vólvese moi evocador e tinxido de aires románticos.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba