RIBADAVIA

Centros históricos
975

Localización

Coordenadas:
42º 17' 15.9" N - 8º 08' 35.7" W

A non perder

Festa da Istoria: celébrase o último sábado de agosto ou o primeiro de setembro, cando a xente se viste seguindo a moda medieval cristiá e hebrea. Recréase no casco histórico o tempo dos gremios e a xudería, ocupando a rúa xograres, cabaleiros, artesáns e artistas malabares. Toda a localidade se converte nun gran teatro e durante o día da festa a única moeda que circula é o marabedí. Declarada de Interese Turístico Nacional.

Feira Exposición do Viño do Ribeiro: festa de exaltación do viño do Ribeiro que se celebra durante catro días a finais de abril ou comezos de maio. Declarada de Interese Turístico Nacional.

Mostra internacional de Teatro: é unha das máis senlleiras e importantes de Galicia, no 2006 celebrouse a 22ª edición. Durante unha semana a mediados de xullo, a vila convértese nun gran teatro con múltiples representacións na rúa e no auditorio do Castelo de variadas compañías chegadas de múltiples lugares, con representacións de todas as tendencias e para todo tipo de público.

Para coñecer

Castelo dos Sarmiento (S. XV): situado na parte alta da vila. Actuaba como principal baluarte da muralla; conserva sobre a porta as pedras armeiras dos seus propietarios, e no seu recinto poden verse os restos dunha necrópole e da cheminea que quentaba as estancias interiores do Castelo. Nas súas proximidades, fóra do antigo recinto intra muros, áchase a Igrexa do Convento de San Domingos (s. XIII-XIX), un dos mellores exemplos oxivais galegos que conserva sarcófagos medievais e curiosos relevos con anxos gaiteiros. Intra muros, inmediata ao Castelo, está a Praza Maior, cun conxunto moi harmónico de tradicionais edificios do s. XIX, entre os que destaca a Torre da Casa do Concello, renacentista, e o Pazo dos Condes (s. XVII) co gran brasón dos Sarmiento na fachada, que alberga o centro de información sefardí e a oficina de turismo.

Igrexa de Santiago (s. XII): fermosísima mostra de románico popular con varias portas con arco de medio punto, rosetón na fachada e ábsida semicircular con espléndidos canzorros. Funciona como pequeno museo relixioso, sendo as súas pezas máis destacadas un Santiago sedente (s. XIV) e o Cristo da Humildade (s. XVI). Na contigua Casa do Marqués de Bahamonde áchase o Museo Etnolóxico (ou Casa da Fundación), que conta cunha importante biblioteca e fondos musicais, documentais e de tipo etnográfico moi variados. Preto, na praza García Boente, atopamos a espléndida Casa da Inquisición (s. XVI), que mostra unha fachada do gótico tardío e cinco escudos sobre a porta monumental. Moi preto están a Igrexa de San Xoán, románica do s. XII, e o antigo Hospital de Peregrinos, edificios ambos rexidos en tempos pola Orde de Malta.

Convento e Igrexa de San Francisco: fermoso conxunto barroco situado extra muros, na marxe esquerda do río Avia.

San Xes de Francelos, nas proximidades da vila, na veiga vitícola de Valparaíso. Lugar onde a fins do s. IX-X existía un cenobio de monxas e do que se conservan elementos prerrománicos na igrexa actual, como un arco de ferradura, con dous relevos ós lados que representan escenas da vida de Cristo, e unha fermosa celosía.


Aldea singular

Se algo lle imprime carácter a Ribadavia é a súa xudería medieval. O centro histórico da Alxama (como é coñecido o barrio) constitúeo a Praza da Magdalena e as rúas contiguas, coas súas casas porticadas e a antiga sinagoga, en torno á que se situaban todos os centros de vida social xudía: a escola talmúdica, o forno para cocer o pan ácimo, a piscina probática para os baños rituais, a carnicería e a casa do concello. Camiñando por estas intricadas rúas, en especial pola rúa de Fornos, unha das máis pintorescas, e pola praza do Buxón, con magníficas vistas sobre o Avia, evocaremos un pasado moi presente na vida da vila.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba