RIBADEO

Centros históricos
No Camiño de Santiago
710

Localización

Ribadeo - Lugo

Coordenadas:
43º 32' 14.1" N - 7º 02' 23.8" W

Camiños de Santiago

Camiño do Norte

Para coñecer

A Praza do Campo destaca como conxunto urbanístico, pois a este espazo axardinado ábrense unha serie de salientables edificios patrimoniais da vila, como son o Pazo Ibáñez, actualmente sede da Casa do Concello, neoclásico de fins do s. XVIII, lugar de morada do primeiro Marqués de Sargadelos, e a Casa dos Moreno, magnífico exemplo de arquitectura de indianos, construída a comezos do s. XX e que conta cun fabuloso miradoiro circular a modo de torre nunha das súas esquinas. Na mesma praza están o Convento de Santa Clara, orixinario do s. XI pero reconstruído no s. XIV, e a Igrexa de Santa María do Campo, antiga conventual de San Francisco -das súas trazas orixinais góticas (s. XIII) chegaron a nós dúas portadas, o arco de triunfo e restos do claustro-. O seu retablo maior, moi logrado, é barroco. Outro edificio interesante é a Aduana Vella, neoclásico do s. XVIII. Moi preto áchase a Casa das Letras, fundación privada que exhibe mostras bibliográficas de escritores locais, documentos e exposicións variadas.

Porto do Porcillán, á beira da ría, na parte baixa de Ribadeo, evocador lugar de pasados esplendores mariñeiros e onde se atopa hoxe un acolledor porto deportivo. Moi preto están A Atalaia, miradoiro sobre a ría do Eo e a Capela da Trindade, con portada do século XIV e retablo barroco e Santísima Trindade do s. XVI no interior.


A non perder

Xira da Santa Cruz e Día da Gaita Galega, o primeiro domingo de agosto. Romaría moi concorrida, popular e pintoresca, que é un compendio de manifestacións relixiosas, animados acordes de música folclórica, concursos de queimadas e degustacións gastronómicas. Declarada de Interese Turístico Nacional.

Festa da Virxe do Campo, 8 de setembro, aínda que se celebra durante varias xornadas. Saen á rúa Xigantes, Cabezudos e marionetas, tendo o teatro, concertos e a Feira do Libro Galego un gran protagonismo.

Aldea singular

O sabor mariñeiro de Ribadeo podemos gozalo en toda a súa fondura facendo o agradable paseo litoral que leva da ribeira do Porcillán ata un vello cargadeiro de mineral, precedido dun parque, e ata o Forte de San Damián, que nos evocará tempos de corsarios e nos permitirá asombrarnos coas fermosas paisaxes da ría, tanto do lado galego coma do asturiano, na outra banda.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba