TUI

Centros históricos
No Camiño de Santiago
756

Localización

Coordenadas:
42º 02' 46.7" N - 8º 38' 37.8" W

Camiños de Santiago

Camiño Portugués

A non perder

Festas de San Telmo, patrón da vila e dos navegantes, celébrase o 24 de abril, desenvolvéndose unha procesión das reliquias e da imaxe do Santo cunha ofrenda floral. Está declarada festa de Interese Turístico. Nela fanse multitude de eventos culturais, festivos e relixiosos durante varios días, incluída a Festa da Angula, un dos eventos gastronómicos máis singulares de Galicia, celebrado dende 1968, degustándose a angula procedente do Miño en racións individuais con allo.

Para coñecer

A Catedral é obra dos s. XII-XIII, momento de transición entre os estilos románico e gótico, presentes ambos no templo, que as frecuentes loitas hispano-portuguesas acabaron por converter nunha fortaleza ameada. Ten tres naves reforzadas con contrafortes tras o terremoto de Lisboa de 1755. Merecen demorarse nelas as súas capelas, o claustro e sobre todo a fachada occidental, que ofrece a máis importante composición iconográfica da arte oxival galega, representando a profetas, apóstolos, santos e reis, cun tímpano dividido en tres rexistros con escenas da Anunciación, a Natividade, a Epifanía ou a Xerusalén Celeste. O cadeirado do Coro, de Canseco, é unha das obras senlleiras do último barroco galego. A subida á torre é recomendable, pois conta cun miradoiro excepcional sobre o conxunto do templo, o Miño e a vila. O Museo Catedralicio garda unha boa colección de ourivería litúrxica. Pola súa banda, o Museo Diocesano custodia boas mostras de pratería española e hispanoamericana xunto con valiosos restos arqueolóxicos. Sen saír do casco histórico cómpre visitar os lenzos que perduran da muralla e a capelas da Misericordia, de orixe renacentista, e a do Corpo Santo ou de San Telmo, cunha fermosa fachada de influencia lusitana, asentada sobre unha cripta que é parte da vivenda do santo tudense; así como San Francisco, o convento das Monxas Clarisas Encerradas (s. XVII).

Igrexa Mendicante de San Domingos, conserva a cabeceira, cruceiro e sepulcros góticos do s. XIV, aínda que o resto da construción é froito de reformas moi posteriores, barrocas e neoclásicas.

Un lugar esencial na vida dos tudenses é o Paseo da Corredoira, peonil, de pedra, con zona axardinada. Destaca o seu miradoiro, situado nun dos extremos do paseo, dende o que se contempla os campos da Veiga e o río Miño.


Aldea singular

No concello, preto da vila, áchase o primeiro Parque Natural declarado en Galicia, o «Monte Aloia». Entre os seus atractivos turísticos cómpre mencionar as amplas vistas que ofrece sobre o Miño e o seu esteiro, que se poden observar dende cinco miradoiros acondicionados ao efecto, os valores ambientais, con boas mostras de vexetación boscosa autóctona e interesantes restos arqueolóxicos do período castrexo.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba