VILAGARCÍA DE AROUSA

Centros históricos
No Camiño de Santiago
1581

Localización

Coordenadas:
42º 35' 37.9" N - 8º 45' 56.4" W

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla

A non perder

As Festas Patronais de San Roque, o 16 de Agosto, teñen un calendario festivo moi variado no que se inclúen batallas de flores, combates navais, verbenas, deportes, celebracións relixiosas e a curiosa e multitudinaria Festa da Auga, que consiste en que, tras subiren en procesión o santo, á súa ermida os romeiros reciben unha chuvia de miles de litros de auga dende os balcóns das casas do percorrido. Declaradas de Interese Turístico.

Para coñecer

Pazo e convento de Vista Alegre, situados ao sur do pequeno río Cea ou Con. O pazo componse dun longo e estilizado corpo de edificio flanqueado por dúas torres ameadas e conta cunha curiosa cheminea cilíndrica, ademáis dun soberbio brasón barroco que sobresae da fachada. A súa orixe sitúase no s. XVI, aínda que sufriu reformas durante o XVII. Un pasadizo cuberto, que salva a actual estrada, comunícao coa Igrexa-convento das Agostiñas Recolectas de Vista Alegre do s. XVII, que mostra na fachada os escudos da familia do fundador, o arcebispo Fernando de Andrade.

No centro urbano atópase a Igrexa de Santa Baia de Arealonga, barroca do s. XVII, obra do arquitecto Pedro Monteagudo. Preto do templo comeza a rúa de Castelao, moi atractiva, pois trátase do ensanche da vila de comezos do s. XX, contando con bos exemplos de edificios eclécticos e modernistas, sobresaíndo entre eles o cine Fantasio, exemplo de art déco.

É moi agradable o percorrido polo paseo-parque marítimo que rodea as praias urbanas de Compostela e a Concha, con bandeira azul, e que comunica Vilagarcía co núcleo mariñeiro de Carril. Nas proximidades sitúase tamén un afamado porto deportivo con bandeira azul.


Aldea singular

En Vilagarcía cómpre achegarse ao miradoiro do Monte Lobeira, pequena montaña situada a 290 m de altitude, ao sur do núcleo. Dende o lugar contémplase a mellor vista de conxunto da vila e espectaculares panorámicas da Ría de Arousa, a Illa de Ons, o istmo do Grove, e mesmo da Serra do Barbanza e do val do Salnés cando o día o permite. A carón do miradoiro érguese un monumento ás vítimas do mar e unha placa do Almirantado Británico lembrando ós mortos no naufraxio do buque escola Serpent.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba