VILALBA

Centros históricos
No Camiño de Santiago
1928

Localización

Coordenadas:
43º 17' 47.5" N - 7º 40' 55.9" W

Camiños de Santiago

Camiño do Norte

A non perder

Feira do Capón, que se celebra o 21 de decembro. É moi vistosa a venda de capóns (galos cebados), xeralmente por pares, no recinto acondicionado para a feira. A partir das 12 hai degustación de capón preparado de diferentes maneiras a prezos moi populares. Estas aves acadaron tanta sona que a tarde da feira centos de parellas de capóns viaxan ben embalados nas caixas preparadas a tal efecto ata distintas capitais galegas e españolas.

Feira Mensual: o primeiro domingo de mes, sempre que non cadre en día 1, celébrase unha concorrida feira de ámbito comarcal na que se ofertan as producións dos paisanos locais (ovos, coellos, queixos, embutidos, etc.), se celebra unha feira de gando e hortalizas e se poñen postos ambulantes de roupa, calzado, froitas, etc. Por suposto as pulpeiras tamén se instalan contribuíndo a animar a feira.

Para coñecer

Para visitar Vilalba o mellor punto de partida é a praza Suso Gallego, onde A Pravia, un simbólico vello pradairo dános a benvida á vila. Tamén aquí está a Fonte da Carretera, moi apreciada polos vilalbeses, e a Casa da Cultura, que alberga o Museo de Arqueoloxía e Prehistoria, que custodia pezas aparecidas en diversos xacementos arqueolóxicos da comarca e conta cunha exposición permanente que fai un percorrido polas diferentes culturas asentadas en Galicia dende o Paleolítico ata a presenza romana. Moi preto desta praza érguese a Antiga Torre da Homenaxe do Castelo dos Andrade, con orixes no século XI pero reedificada tras as revoltas Irmandiñas no s. XIV. De planta octogonal, con 40 m de altura, dividida en catro plantas e con ameas. Conta con varias seteiras, unha porta con arco na segunda planta e un gran porco bravo de pedra na cuarta planta emblema dos Andrade. Na actualidade funciona como parte do Parador Nacional de Turismo..

Igrexa parroquial de Santa María, data dos s. XVII e XVIII, edificio de feitura interesante.

O Auditorio Municipal Carmen Estévez é unha boa mostra de arquitectura contemporánea, que ademais dinamiza moito a vida municipal coa multiplicidade de eventos que acolle.


Aldea singular

Vilalba conta con paraísos naturais ás portas da vila ós que cómpre achegarse. É o caso dos arredores do río Madalena, con fermosísimas paisaxes de ribeira. Pasear dende Vilalba ata o Muíño do Rañego, a uns 500 m, permítenos admirar un camiño con presas e muíños especialmente agradable á tardiña, no que é frecuente atoparse con garzas e patos. Ademais, neste sector o río forma unha illa cuberta por árbores autóctonas e ornamentais á que se pode acceder por unha pequena ponte. Hai tamén unha área recreativa moi ben acondicionada que dispón de praia fluvial e merendeiros, sendo un lugar perfecto para o lecer e a contemplación da natureza.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba