VIVEIRO

Centros históricos
608

Localización

Coordenadas:
43º 39' 44.8" N - 7º 35' 43.6" W

A non perder

A Semana Santa de Viveiro é a máis interesante de Galicia, xunto coa de Ferrol, pola riqueza das súas imaxes e pasos e pola súa antigüidade. Destacan as procesións con figuras articuladas que van representando as distintas escenas da paixón e morte de Cristo. Festa de Interese Turístico Nacional.

Romaría do Naseiro, celébrase o cuarto domingo de agosto. Festa e comida campestre nas marxes do río Naseiro, nas proximidades do bosque de xigantescos eucaliptos de Chavín. Actuacións de grupos folclóricos que amenizan a reunión. Festa de Interese Turístico Nacional.

Para coñecer

Dan acceso á vila A Ponte Maior ou da Misericordia, erixida sobre a ría no s. XV sobre outra anterior, e o principal monumento da Vila, a Porta de Carlos V, popularmente coñecida como Porta Maior ou do Castelo, realizada ao xeito de arco de triunfo no Renacemento (1548), decorada cos escudos, emblemas e símbolos do emperador. Consérvanse tamén outras dúas portas da antiga muralla, a Porta da Vila ou do Santo Cristo do Amparo, tradicional entrada principal ao núcleo cunha inscrición que a data no s. XIII e contemporánea da Porta do Valado, a máis sinxela pero cun fermoso arco de medio punto románico. Esta porta linda coa Convento das Concepcionistas, sinxela construción barroca (s. XVII) xunta á cal se atopa a evocadora Calexa das Monxas e a Gruta de Lourdes, reprodución de 1925 da orixinal francesa. Moi cerca achamos a Igrexa de Santa María do Campo, no corazón medieval da cidade vella, a máis antiga do núcleo. É un fermoso exemplo románico conservado sen moitas reformas, de fins do s. XII, amplo, de tres naves, con cubertas de madeira, rosetón e perfecta ábsida semicircular. Dentro do núcleo histórico non deberemos deixar de ver a Praza Maior, centro neurálxico da vila, presidida polo monumento ao poeta local do s. XIX, Nicomedes Pastor Díaz, rodeada de arquitecturas tradicionais de granito e galerías dos s. XVIII e XIX, que tamén se poden admirar na Praciña da Herba ou das Catro Liñaxes e na Praza da Fontenova. Son interesantes tamén os pazos urbanos, como a Casa dos Leóns (s. XVII), coñecida así polos dous animais deste tipo que soportan a pedra heráldica da fachada, ou a Casa da Natividade da Nosa Señora (s. XVI), construída para albergar un Colexio de Gramática.

Extra muros cómpre destacar a Igrexa conventual de San Francisco (s. XIV), que conserva unha das máis grandes e fermosas cabeceiras da arquitectura mendicante galega.

No Centro Comarcal da Mariña Occidental, na rúa Lodeiro, localízase nun interesante pazo no que se fai unha exposición dos recursos da comarca.


Aldea singular

Unha vila costeira coma esta non debemos abandonala sen achegarnos ao seu litoral, sobre todo se, coma neste caso, ten dentro do casco urbano un dos mellores areais de todo o norte galego, a praia de Covas, no fondo do esteiro do río Landro que da orixe á ría, á que se chega dende o casco histórico despois dun agradable e curto paseo saíndo pola Porta de Carlos V, cruzando os xardíns de Noriega Varela, coas súas fermosas vistas sobre a ría, e cruzando a Ponte Maior. Covas é o núcleo residencial e estival de Viveiro e conta cun espléndido areal de dous km de longo e entre 150 e 300 m de ancho. A praia está percorrida por un agradable paseo marítimo con xardíns e áreas de lecer dende as que se pode contemplar unha espléndida paisaxe.


Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba