RÍA DE PONTEVEDRA

Rías e praias
2125

Localización

Coordenadas:
42º 24' 58.1" N - 8º 41' 04.2" W

Descrición

A ría de Pontevedra ábrese entre a punta de Cabicastro, situada ao oeste da praia de Canelas, ao norte, e a punta Centoleira, ao sur. O seu vértice máis oriental é máis difícil de marcar, debido á desembocadura do río Lérez, pero podemos situalo na cidade de Pontevedra, onde o río se une ao mar, a uns 14 quilómetros da boca da ría, cuxa forma é a doutra cuña perfecta de auga mariña que se incrusta no continente, seguindo a dirección suroeste-nordés.
Relativamente preto da costa, na entrada da ría de Pontevedra, sitúanse as illas Ons, que foron habitadas dende a antigüidade. De formas máis suaves cás Cíes, as Ons presentan igual que aquelas un perfil litoral contrastado, menos abrupto cara ao interior da ría, mentres que dominan os acantilados cara ao oeste, nos que de novo atopamos furnas, como a espectacular Cova do Inferno. E, ao igual que nas Cíes, en Ons a fauna atopa un lugar privilexiado.
Pero nas Ons a presenza humana foi historicamente maior, xa que estivo habitada ata os anos cincuenta do século vinte. Actualmente, a maior parte da poboación vive na illa unicamente no verán.

Na ría de Pontevedra e nas súas ribeiras, a arte e a historia combínanse para pracer do viaxeiro. Nas súas marxes sitúanse cidades fermosas como Pontevedra; mosteiros, como o de Poio ou, un pouco máis afastado, Armenteira; vilas como as de Marín, que combina o seu destino militar coa pesca, ou Bueu, claramente pesqueira e marisqueira; centros turísticos e residenciais, como Sanxenxo, Portonovo ou San Vicente do Grove; vilas pintorescas, como Aldán, situada no fondo da súa pequena enseada, apéndice da de Pontevedra, Raxó, Combarro ou Mogor.

Pontevedra, a capital provincial, é unha cidade equilibrada, sen xigantismos urbanísticos, que combina o encanto do pasado, na súa ampla parte antiga felizmente respectada, co desenvolvemento actual. No seu interior aparecen fermosas igrexas, como as ruínas de San Domingos, San Francisco, Santa María a Maior, A Peregrina e o Museo Provincial que, posiblemente, sexa o máis visitado de Galicia pola riqueza dos seus fondos. Pontevedra foi a patria de grandes mariñeiros (Sarmiento, Nodales, etc.) que descubriron terras para España.
Moi preto atópase Marín, unha vila moderna, con apenas vestixios do pasado. Dende o cume do monte situado ás súas costas atópase un miradoiro, que permite contemplar as rías de Vigo e Pontevedra.
A riqueza en areais é grande dentro da ría, e destaca pola súa importancia turística Sanxenxo, cuxa poboación se multiplica no verán. Non obstante, as novas construcións varreron os restos da antiga poboación. Todo é moderno.

Todo o contrario aconteceu na praia da Lanzada, un areal de máis de catro quilómetros, pertencente aos concellos do Grove e Sanxenxo, onde a rexeneración do sistema dunar propiciou a pervivencia dunha das praias máis visitadas en Galicia. Asociada a ela aparecen fermosas lendas, como a dos baños das "nove ondas" para atopar parella ou asegurar descendencia. E, nos seus bordos, aparecen a ermida de Santa María da Lanzada e a torre da Lanzada, posible resto do antigo faro.
Máis cara ao oeste sitúase o Grove, unha vila que fixo da gastronomía mariñeira un culto que se pode "practicar" nas diferentes tascas, tabernas e restaurantes, que ofrecen os máis exquisitos mariscos e peixes.
E, a modo de apéndice, sitúase a illa da Toxa, un espléndido recinto que conta con magníficas instalacións hoteleiras, construídas a comezos de século. Nas noites da Toxa, dicía Álvaro Cunqueiro, "hai un silencio estraño e consolado, soamente turbado polo vento dos piñeiros ou polo mar que canta na veciña Lanzada".

Arriba
Axúdanos a mellorar!