RÍA DE CAMARIÑAS

Rías e praias
1271

Localización

Coordenadas:
43º 07' 44.4" N - 9º 10' 46.9" W

Descrición

Camariñas é un exemplo diferente de ría: pequena, recollida, apenas marcada no terreo. Os seus límites máis occidentais constitúenos dous saíntes pétreos: a punta da Barca, no seu vértice meridional, e o cabo Vilán, flanqueando a súa entrada polo norte. Cara ao interior, a ría vai perdendo os seus trazos mariños para, en Ponte do Porto, unirse mansamente coas augas do río Grande.
Na ría destacan os portos pesqueiros de Camariñas e Muxía, así como os restos da existencia do antigo porto de Ponte do Porto. Nas súas vilas pódense admirar toda unha extensa gama de vivendas, mariñeiras unhas, seoriais outras, nas que se combinan as rexas balconadas de ferro con galerías acristaladas, que sobresaen de muros pintados de mil cores -os mesmos cós barcos fondeados nos seus portos- que bordean estreitas e retortas rías.
O mar imprégnao todo e, ata hai relativamente pouco tempo, era posible contemplar os restos de antigas tradicións, como curar o peixe ao sol. En cambio, a tradición do encaixe volveu rexurdir, e seguro que o viaxeiro que chegue con bo tempo a estes lugares poderá contemplar as palilleiras movendo os palillos con auténtica mestría e ver como van crecendo, como por encanto, auténticas filigranas feitas con fío.

O folclore relixioso está monopolizado pola devoción á Virxe da Barca. No seu santuario, en Muxía, situado nun lugar marcado polo rochedo, fronte a un mar bravío -en calma uns días, enfurecido outros moitos- reúnense cada ano miles de romeiros que, ao tempo que se axeonllan ante a Virxe, seguen a tradición de pasar por debaixo da Pedra dos Cadrís ou de intentar mover a Pedra de Abalar, actualmente rota.
E se na punta da Barca domina o sagrado, no cabo Vilán, límite setentrional da ría, faino a natureza, os enormes farallóns acantilados que se internan no océano resistindo os embates da ondada e do vento. Dende o faro instalado neste lugar pódese admirar outra extensa gama de paisaxes mariñas marcadas polo azul do ceo, o rosado do rochedo e o branco amarelento dos areais. Un auténtico paraíso salvaxe.

Arriba
Axúdanos a mellorar!