RÍA DE CEDEIRA

Rías e praias
1516

Localización

Coordenadas:
43º 39' 36.3" N - 8º 03' 16.5" W

Descrición

A ría de Cedeira presenta a forma dun dobre U, no fondo da cal se xeraron os areais de Santo Isidro, cara ao leste, e Vilarrube, cara ao sur.
Entre a punta Chirlateira e o areal de Vilarrube -unha dobre frecha areenta na que aínda perviven fermosas acumulacións dunares-, na súa marxe esquerda, os acantilados que flanquean a península que forma o monte Burneira son unha constante.
Verticais na súa maioría, son o lugar elixido polos amantes dos ventos e das ondas.
Na marxe norte da ría, na desembocadura do río Condomiñas, sitúase Cedeira, que vive da pesca, do marisqueo e do turismo. As rías que ascenden por empinadas abas albergan moi bos exemplos da fermosa arquitectura tradicional que dominaba por estas terras, que se plasma en balconadas e galerías.

Ao norte de Cedeira, camiño dos montes Eixil ou da Candieira e da serra da Capelada, o litoral volve alzarse. Os acantilados son unha constante ata chegar á ría de Ortigueira. No medio desta paisaxe profundamente brava, atópase San Andrés de Teixido, un lugar inseparable de Cedeira, centro de interese relixioso e etnográfico da comarca pola supervivencia de cultos animistas e precristiáns.
A "herba de namorar", o culto ás pedras e ás augas fan acto de presenza. O santuario de Santo Andrés de Teixido é visitado por miles de peregrinos porque, segundo a lenda, "a San Andrés de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo". Os romeiros depositaban pedras no camiño e recollían a herba chamada de namorar.
A serra da Capelada destaca non só polos seus impresionantes acantilados -ata 612 m alcanzan en Vixía Herbeira- senón tamén pola súa riqueza xeolóxica. Neste lugar atópanse rochas do manto, como serpentinitas ou eclogitas, moi difíciles de ver no noso planeta. Por iso, dende antigo, chamou a atención de investigadores de todo o mundo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!