RÍA DO BARQUEIRO

Rías e praias
131

Localización

Coordenadas:
43º 44' 14.3" N - 7º 42' 03.8" W

Descrición

A ría do Barqueiro está moi ben limitada, tanto por oriente coma por occidente. Polo oeste, flanquéaa a península de Bares, unha estreita franxa de terra que se alonga cara ao océano, onde forma o seu vértice máis setentrional o cabo de Estaca de Bares. Aquí, ao pé do vello faro, álzase o primeiro parque eólico de Galicia. Moi preto, os vellos muíños de auga reflicten a sabedoría popular.
Dende o monte Facho de Maeda, que se eleva ata os 331 metros, os amigos das camiñadas teñen un miradoiro excepcional sobre o litoral cantábrico que aquí comeza. Se nos achegamos ata o lugar chamado Semáforo de Bares, unha antiga batería de costa, contémplase a boca da ría. Aos seus pés sitúase Bares, pequeno e acolledor porto mariñeiro co seu peirao ciclópeo, cuxa orixe se lles asigna ós fenicios e que, polos restos arqueolóxicos atopados, parece ser anterior á romanización (século I). Enfronte, no sector oriental da boca da ría, a illa Coelleira, que recibía na Idade Media o nome de Cunicularia, pola abundancia de coellos e que, actualmente, é outro lugar privilexiado para contemplar o paso das aves migratorias.
No interior da ría, os portos do Vicedo e do Barqueiro poñen a súa nota de cor e calor humana. No seu fondo, alí onde as augas do río Sor se funden coas mariñas, atópanse a illa e o lugar de Negradas, un bo exemplo de aldea campesiña.
A vila do Barqueiro é unha das estampas máis fermosas do litoral cantábrico. Está situada nun suave anfiteatro aberto polo río Sor. As casas apíñanse trepando polas empinadas abas e todo o conxunto é dunha beleza extraordinaria.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Última actualización: 04/05/2015
Arriba