SANTA CRISTINA DE RIBAS DE SIL

Relixioso
4257

Localización

Parroquia: Caxide (Santa Cristina)

Lugar: Castro

32749  Parada de Sil - Ourense

Teléfono: +34 988 208 010

Coordenadas:
42º 23' 44.9" N - 7º 35' 17.9" W

Descrición

Descoñécese a data exacta da súa fundación, pero a súa existencia está documentada desde o século IX. En séculos posteriores ampliouse coa igrexa. No século XVI, época na que se incorporou ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como simple priorado, construíuse un novo claustro e un remate para a torre da igrexa. A Desamortización de 1835 sumiuno nun tempo de abandono. Como resultado da fin das actividades monásticas, tanto Santa Cristina como Santo Estevo pasaron a utilizarse como vivendas particulares e incluso como cuadras e palleiros.
Este conxunto, situado no fermoso contorno dun bosque de carballos á beira do Sil, componse de mosteiro e igrexa. O edificio orixinal do mosteiro, disposto en torno a un pequeno claustro, era de estilo Románico, seguindo as pautas estéticas da orde beneditina. Daquela construción hoxe só se conservan dúas alas. Un dos puntos no que nos fixaremos é a portada, similar á parte sur da Catedral de Ourense. Como testemuña do seu pasado monástico, poderemos ver os "armarium claustri", uns pequenos espazos nos que se deixaban os libros lidos polos frades nos seus paseos. Trátase dunha obra austera, parca en ornamentación, pero de singular beleza pola harmonización cos bosques e a orografía do contorno no que se erixe.
A igrexa é románica e a súa construción comezou no século XII. Durante o século XIII introducíronse elementos góticos, fundamentalmente arcos. A planta é de cruz latina, dividida en cinco espazos. Na súa estrutura pódese apreciar a elegancia e verticalidade propia das construcións da Orde do Císter. A fachada destaca pola súa entrada baixo tres arcos, apoiados en pares de columnas de capiteis decorados. Na parte superior inscríbese un rosetón románico de amplas dimensións. A alta torre, atalaia privilexiada sobre o curso do Sil, está rematada en forma de pirámide, algo pouco usual.
No interior, consérvanse pinturas ao fresco, un altar maior con motivos xeométricos, retablos barrocos e, sobre todo, unha imaxe de San Pedro realizada polo artista Juan de Angés a finais do século XVI. Nas paredes da sancristía pódense ver pintados os escudos da Orden de Calatrava e de Santo Estevo.

Acceso

Dende Rabacallos ata Parada de Sil por estrada local, tomamos unha pista sinuosa e de forte pendente, asfaltada, cara a Castro. A calzada está lousada ata a fachada da igrexa.

Estilos

Románico

Orden Relixiosa

Benedictinos
Última actualización: 04/05/2017
Arriba