FORTALEZA DO CASTRO DE CALDELAS

Civil
3515

Localización

Parroquia: Castro Caldelas (San Sebastián)

Lugar: O Castro de Caldelas

Rúa: Cima da Vila s/n

32760  Castro Caldelas - Ourense

Coordenadas:
42º 22' 32.9" N - 7º 24' 56.9" W

Descrición

Declarado Monumento Histórico-Artístico en 1949. Arquitectura militar e defensiva.
Situado no alto de Cima de Vila, constitúe o monumento máis emblemático da localidade. Foi construído polo nobre don Pedro Fernández de Castro entre os anos 1336 e 1343. Nas súas inmediacións tiveron lugar numerosas batallas polo dominio das terras da comarca. A partir do século XVI perde parte do seu carácter de fortaleza defensiva e pasa a ser residencia da alta nobreza.
A planta deste castelo é un polígono irregular, perfectamente adaptado ao terreo sobre o que se asenta. Da construción orixinal consérvanse as murallas, tres torres, a casa do administrador e o patio de armas, pero non o foxo que daquela debeu rodear o recinto.
Os muros presentan numerosos escudos que nos indican a propiedade do castelo nas distintas épocas. Na porta principal vemos as insignias dos Osorio (dous lobos), dos Castro (seis formas redondas ou roeis), do Reino de León (un león rampante) e do Reino de Castela (un castelo, que corresponde tamén á liñaxe dos Enríquez). Desde este punto vemos á dereita a torre do reloxo. Nela apréciase unha inscrición da letra grega "tau", un símbolo asociado á Orde dos Templarios, que puido ter participado nalgún episodio significativo da historia deste castelo.
Son elementos de interese o pozo ou alxibe, un corredor de madeira no patio e o Camiño de Ronda, trazado polo interior da muralla. No seu interior expóñense unha serie de obxectos (moedas, fragmentos de cerámica, dardos, etc.) atopados durante as obras de restauración e reforma, un proceso aínda non finalizado. Tamén poderemos ver rocas e teares de liño, rodas de afiar, apeiros de labranza e ferramentas de carpintería.

Horario: De 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h.

Acceso

Situado no núcleo municipal, no Cima da Vila, barrio primordialmente peonil agás residentes e persoas con mobilidade reducida.

Declaración

Ben de Interese Cultural
Patrimonio cultural Civil Castelo, torre, fortaleza
Arriba
Axúdanos a mellorar!