RÍA DE MUROS E NOIA

Rías e praias
2012

Localización

Coordenadas:
42º 45' 31.0" N - 8º 59' 50.5" W

Descrición

A ría de Muros e Noia alóngase, como o resto das Rías Baixas, en dirección suroeste a nordés, en forma de fenda aberta no medio de rochas graníticas. Ao analizala no seu conxunto, obsérvase con claridade un acusado contraste entre o seu sector setentrional, máis quebrado, con numerosos entrantes e saíntes, e o meridional, máis rectilíneo e aberto, de formas máis suaves.
As rochas graníticas condicionan a maior parte das paisaxes. Iso é perfectamente visible no sector de Baroña, na marxe meridional da ría, e no do monte Louro, na setentrional.
En Baroña, moi preto de Porto do Son, os muros de pedra do castro que alí se sitúan dende séculos, confúndense coas laxes abertas polo tempo. No monte Louro, próximo a Muros, unha extensa gama de formas xeométricas sobresaen nas abas, como se algún escultor as ordenase de xeito racional para que os amantes das camiñadas as contemplen. Aos seus pés, asociada a un extenso areal cuberto de dunas, o visitante pode admirar unha das lagoas costeiras máis fermosas de Galicia.

Na marxe setentrional da ría sitúase Muros e, no seu fondo, Noia. Trátase de dúas vilas señoriais construídas de pedra granítica, da mesma ou semellante, coa que as ondas e os ventos labraron as formas de Baroña ou Louro ou os sectores acantilados que bordean o mar.
Muros é unha localidade aberta ao mar dende as súas orixes medievais. Conserva o tipismo nas súas prazas e rías, un magnífico templo parroquial é a antiga colexiata de Santa María. O visitante atoparase con rías estreitas e serpeantes que conflúen en pequenas prazas, ás que se asoman acolledores soportais. Ao deambular por elas pódese aprehender a calor da historia pasada, escrita por personaxes anónimos, por artistas, escritores ou pilotos.

No fondo da ría sitúase Noia. As raíces medievais tamén se manifestan na estrutura da vila: rías estreitas, soportais, casas señoriais.
A sua historia comezou cando Fernando II decretou o traslado da vila dende o lugar da Barquiña ao actual. A lenda, non obstante, di que foi Noé quen fundou a vila e iso quedou materializado no seu escudo. No seu interior destacan a igrexa de San Martiño, do século XV, ou o convento de San Francisco, ao lado da actual Alameda.
A ría, ademais, acolle nas súas beiras outros núcleos de interese. Na súa marxe meridional sitúase Porto do Son, fermosa vila que conserva gran parte do saber mariñeiro das súas xentes, e Portosín, co seu importante porto deportivo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!