Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia

Pódeche interesar...

Ver máis

Centro Histórico de Santiago

Ruta do Santiago Románico, Barroco, Romántico e Universitario...

Ampliar
  • Arco de Mazarelos

    Arco de Mazarelos

    Única porta que se conserva do primitivo recinto amurallado medieval. Por ela entraba o viño procedente do Ulla e do Ribeiro.

  • Capela das Ánimas

    Capela das Ánimas

    Neoclásica. Proxecto de Ferro Caaveiro e reforma de Ventura Rodríguez. Grupos escultóricos en terracota.

  • Casa da Parra

    Casa da Parra

    S. XVII, exuberante decoración vexetal pétrea na fachada

  • Casa do Cabido

    Casa do Cabido

    Barroco do s. XVIII, creado como fachada de peche da Praza de Praterías, de aí a súa estreitez lateral.

  • Casa do Deán

    Casa do Deán

    Pazo barroco, s. XVIII. Hoxe Oficina de Acollida de Peregrinos

  • Colexiata de Santa María a Maior e Real do Sar

    Colexiata de Santa María a Maior e Real do Sar

    Construción románica do s. XII. Impacta a forte inclinación dos piares que sosteñen as naves. Claustro moi destacado.

  • Colexio de Fonseca

    Colexio de Fonseca

    Edificio renacentista rematado en 1532, cun fermoso claustro porticado.

  • Colexio de San Clemente

    Colexio de San Clemente

    Renacentista de comezos do s. XVII.

  • Convento da Ensinanza

    Convento da Ensinanza

    Neoclásico. s. XVIII-XIX.

  • Convento das Mercedarias

    Convento das Mercedarias

    Barroco, s. XVII. Notable relevo na fachada cunha escena da Anunciación.

  • Convento de San Domingos de Bonaval

    Convento de San Domingos de Bonaval

    Orixinariamente do s. XIII, aínda que a maior parte do que se conserva é dos s. XIV, XVII e XVIII. Sede do Museo do Pobo Galego e do Panteón de Galegos Ilustres.

  • Convento de San Francisco

    Convento de San Francisco

    O edificio actual data do s. XVI, aínda que se conservan algúns restos góticos, con especial relevancia do claustro.

  • Convento de San Paio de Antealtares

    Convento de San Paio de Antealtares

    Fundado por Afonso II tralo descubrimento dos restos do Apóstolo. Edifico actual dos s. XVII e XVIII. Alberga o Museo de Arte Sacra.

  • Convento de Santa Clara

    Convento de Santa Clara

    Barroco, s. XVII (edificio) e XVIII (fachada)
  • Convento de Santo Agostiño

    Convento de Santo Agostiño

    Edificio barroco, s. XVII. Torre da esquerda destruída por un raio no s. XVIII. A torre dereita está inconclusa.
  • Hostal dos Reis Católicos

    Hostal dos Reis Católicos

    Antigo Hospital Real. Fundado polos Reis Católicos en 1492. Fachada Plateresca de 1511. Na actualidade funciona como Parador Nacional.
  • Igrexa de San Bieito

    Igrexa de San Bieito

    Fundada no s. X. reconstruída por Xelmírez no s. XII. Fachada neoclásica do s. XVIII. Grupos escultóricos románicos no interior.
  • Igrexa de San Fiz de Solovio

    Igrexa de San Fiz de Solovio

    Neste lugar vivía o eremita Paio, que foi quen alertou ao bispo Teodomiro da existencia do sepulcro do Apóstolo. Igrexa actual do s. XVIII, con portada románica do s. XIII.
  • Igrexa de Santa María do Camiño

    Igrexa de Santa María do Camiño

    Do s. XVII sobre fábrica anterior románica. Conserva a Virxe de Belén.
  • Igrexa de Santa María Salomé

    Igrexa de Santa María Salomé

    Aglutina unha notable mestura de estilos: portada románica, pórtico do s. XVI, traza exterior barroca, campanario do s. XVIII.
  • Mercado de Abastos

    Mercado de Abastos

    Construído en 1937 en nove naves pétreas de estrutura basilical e tripartita. Moito enxebrismo na venda de produtos campesiños, carne e peixe.
  • Mosteiro de San Martiño Pinario

    Mosteiro de San Martiño Pinario

    Antigo mosteiro bieito, o máis grande de Galicia. Enorme edificio construído entre os s. XVI e XVIII.
  • Pazo de Bendaña

    Pazo de Bendaña

    É un dos grandes pazos urbanos de Santiago. Construído no s. XVIII.
  • Pazo de Raxoi

    Pazo de Raxoi

    Neoclásico de finais do s. XVIII. Sede do concello e do goberno autónomo de Galicia.
  • Pazo de San Xerome

    Pazo de San Xerome

    Magnífica portada do s. XV. Sede do reitorado da Universidade.

  • Pazo de Xelmírez

    Pazo de Xelmírez

    Edificio románico civil do s. XII. Dos poucos exemplos existentes en España.
  • Universidade Contemporanea

    Universidade Contemporanea

    Edificio do s. XVIII, co corpo superior engadido no s. XIX. Actual Facultade de Xeografía e Historia.

Non deixes de ver...

Iniciamos a nosa ruta partindo do Parque de San Domingos de Bonaval, antiga finca e cemiterio dun convento dominico. Ofrece unhas vistas sorprendentes cara a poñente dos teitos da zona monumental. A carón do parque está o Panteón de Galegos Ilustres (cos restos de Rosalía de Castro, Brañas, Asorey, Cabanillas, Fontán e Castelao) e o Museo Etnográfico do Pobo Galego, que alberga unha excepcional escaleira de caracol barroca. Inmediatos a estes edificios aparece o Centro Galego de Arte Contemporánea, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza.

Continuamos pola rúa Valle Inclán ata a de San Roque, onde se ergue un antigo Hospital barroco, cunha fermosa portada e coqueto claustro, situado a carón da antiga Porta da Pena, pola que entramos na zona vella. Seguimos a rúa Algalia de Arriba (nela e nas paralelas situábanse a maioría das pensións de estudantes ata ben avanzado o s. XX). Á altura do nº 27 detémonos diante dunha torre gótica (s. XIII) de catro alturas de aire maxestoso que conta con elementos decorativos nalgunha das súas fiestras. Collemos á esquerda a calella dos Truques e tomamos a Algalia de Abaixo, área de animada vida nocturna xunto coas rúas do arredor, onde no nº 29 aparece a casa máis antiga da cidade, do s. XI ou XII, boa mostra da arquitectura medieval con saíntes. Xusto enfronte érguese o pazo barroco de Amarante. Camiñamos pola Compostela máis enxebre: Entremuros, rúa da Oliveira e Praza dos Irmáns Gómez, chegando finalmente á porta da Igrexa de Santo Agostiño, á que lle falta unha torre, derrubada por un raio no s. XVIII.

Ao seu carón está o Mercado de Abastos, de gran colorido e enxebrismo que cómpre visitar, sobre todo se é xoves ou sábado. Nel os campesiños dos arredores da cidade venden os produtos que eles cultivan e elaboran. Ademais, véndese peixe moi fresco e magníficas carnes e froitas. Inmediata aparece a Igrexa de San Fiz de Solovio, con fermosa portada románica, lugar onde vivía o eremita que fixo o descubrimento da tumba do apóstolo. Enfronte érguese o edificio da Universidade Literaria, hoxe Xeografía e Historia. Rodeámolo e desembocamos así na praza de Mazarelos, onde está a única porta que se conserva da antiga Muralla, pola que entraba o viño á urbe. Atravesámola e dirixímonos por Patio de Madres e Castrón Douro ao tradicional barrio de Sar para visitar a Colexiata de Santa María de Sar, Igrexa románica con claustro do s. XIII. No interior sorprenden os muros e piares completamente inclinados que sosteñen as naves, reforzados no exterior por recios contrafortes. Retornamos seguindo as rúas Camiño da Ameixaga e Andújar, abríndosenos amplas panorámicas da cidade histórica, para chegar enseguida ao convento barroco de Belvís e ao parque do mesmo nome, gran espazo aberto a carón do casco nobre e no que mesmo podemos ver hortas cultivadas.

Tomamos a calella da Tafona, que nos deixa na rúa da Virxe da Cerca, moi preto da Porta do Camiño, por onde entraban os peregrinos que chegaban polo Camiño Francés, que continuaba intramuros pola rúa das Casas Reais, cualificativo que adquiriu ao pasar a noite nunha das súas vivendas Xoana “a Tola” e Filipe “o Fermoso” en 1512. Destacan nesta rúa a neoclásica Igrexa das Ánimas e o Pazo de Fondevila (s. XVIII), sede da Obra Social de Caja Madrid. Desembocamos na Praza de Cervantes, na que destacan a Igrexa neoclásica de San Bieito e dous pazos barrocos, un dos cales albergou ao Concello. Tomamos a calella de Xerusalén e saímos á praza de San Martiño Pinario, na que se ergue a magnífica fachada renacentista do mosteiro que lle dá nome, aos pés da cal hai unha excepcional escaleira barroca de dobre entrada. Seguimos pola Rúa da Moeda Vella e chegamos á Praza da Inmaculada, onde está a fachada principal do mosteiro, o máis grande de Galicia, e a fachada norte da Catedral, neoclásica. Dende aquí dirixímonos á Praza da Quintana, na que se atopa a Porta Santa. É un espazo moi sobrio e ao mesmo tempo acolledor. A súa escalinata é o lugar ideal para sentarse a descansar e ollar o animado ambiente urbano.

Entramos na Catedral pola Praza de Praterías, na que destaca a Fonte dos Cabalos e a Portada do s. XII, e no interior topámonos co esplendor románico das súas naves e do deambulatorio. Visitamos a cripta do Apóstolo, abrazamos ao Santo no baldaquino central e achegámonos ás diferentes capelas. Antes de abandonar o templo contemplamos o maxestoso Pórtico da Gloria e descendemos cara á Praza do Obradoiro. É outro espectacular escenario arquitectónico, co Hospital Real (Hostal dos Reis Católicos) plateresco; o Pazo de Raxoi, neoclásico con aires versallescos, compartido polo concello de Santiago e a Xunta de Galicia; o Pazo de San Xerome, con portada do s. XV, sede do reitorado da Universidade; e a propia fachada barroca da catedral, obra de Fernando de Casas, pechándoa.

Deixamos atrás a praza e seguimos polas rúas de Fonseca e Rodrigo de Padrón para achegarnos á Alameda, na que remataremos o noso paseo. Aquí poderemos obter a mellor estampa fotográfica da Catedral e da zona vella dende o Paseo dos Leóns e unha fermosa panorámica do campus universitario (deseñado na década de 1930) dende o miradoiro do Paseo da Ferradura.

 

Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba