Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Santuarios máxicos > Itinerarios > Engadir á "Miña viaxe"
Ribeira Sacra

XEODESTINO

Ribeira Sacra

As augas do Sil e do Miño corren a se atopar creando un contorno divino, a Ribeira Sacra...

Manzaneda - Trevinca

XEODESTINO

Manzaneda - Trevinca

Unha Galicia branca que parece tocar o ceo...

Santuarios máxicos

Santuarios e viñedos

Unha sobranceira paisaxe de montaña acompañaranos neste paseo polas terras máis altas de Galicia. Marcadas polo illamento e pola soidade da súa agreste natureza, son capaces de transportarnos aos tempos nos que os ermitáns e os anacoretas se agochaban nelas.

Interésache!

  • Inicio: Esgos
  • Fin: O Bolo
  • Xornadas: 2
  • Km (aprox): 124 Km
Había no Castelo do Castro un poderoso conde que tiña tres fillas moi fermosas en idade casadeira. Outro conde, tamén rico e nobre, mandoulle embaixada para lle pedir a man dunha das fillas. O do Castro recibiu os emisarios e cando lle expuxeron a pretensión, como as súas fillas eran tres, preguntou: Cal delas? E de aí ven que a xente lle comezase a chamar  Caldelas a aquela terra.
   Vicente Risco - Lenda sobre o topónimo de Castro Caldelas
Data de celebración das romarías:
- As Ermidas: 8 de setembro
e 1º domingo de outubro
Outra información de interese:
- Museo do Castelo do Bolo: Luns e martes permanece pechado. Contacto: 988 323 030

Percorrido - Día 1º

Comezamos a andadura desta primeira xornada no corazón da Ribeira Sacra, no municipio de Esgos.

Ampliar
Aquí, tras atravesar un tupido bosque de piñeiros, atopamos as primeiras pegadas do cristianismo en Galicia no mosteiro de San Pedro de Rochas. Este templo, escavado en rocha viva, acubilla no seu interior un gran tesouro que agarda a que o descubrades: os restos do único exemplar coñecido en Europa dun Mapamundi Románico. O tamén chamado Mapamundi dos Beatos amosa a dispersión dos apóstolos de Cristo ao longo do mundo na súa prédica do cristianismo. Outras das marabillas agochadas en San Pedro son o seu cenobio, que, orixinado no século VI, é un dos máis antigos de Galicia, e as súas tres capelas escavadas na rocha. Xa no exterior, seredes atraídos polo seu singular campanario situado no alto dunha gran rocha de 14 metros de altura. Non perdades as súas sepulturas antropomorfas, ás que a pedra, a choiva acumulada e o lique lles dan un halo máxico do que vos vai ser difícil desprendervos. Preto destas tumbas, buscade a fonte milagreira da que din que é capaz de curar as verrugas e mesmo de suavizar as engurras.
Non perdades a ocasión de probar a súa auga nin tampouco de visitar o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra que se atopa no mesmo recinto. Neste museo, amósase como era a vida monacal e as tradicións máis ancestrais da comarca, os oficios artesanais e, por suposto, a cultura do viño. Non esquezades que estades nas terras dos viños con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha das cinco recoñecidas en Galicia.
Se contamos con tempo e enerxía, podemos abandonar este mosteiro percorrendo o Camiño Real de San Pedro. Un moi ben indicado roteiro de antigas corredoiras que transcorren entre unha frondosa vexetación autóctona hanos levar de volta a Esgos. Dende alí, dirixímonos a Montederramo, un lugar protexido por montañas elevadas como o monte Meda e a Serra de San Mamede, onde vos atoparedes co antigo mosteiro de Santa María, fundado na primeira metade do século XII. Da obra medieval soamente queda un arco xa que foi totalmente renovada a partir do século XVI. Algo moi singular deste cenobio é a lenda que relaciona a súa construción coa da ermida sobre a que está construída. Conta que este templo foi feito por un frade da serra de San Mamede coa única axuda de dous corzos que lle ían levando as pedras. Precisamente este monxe –convertido en estatua pétrea- é o que custodia a entrada do templo. Unha oportunidade de coñecer todos os recunchos deste conxunto relixioso son as visitas guiadas que se facilitan a través da oficina de turismo. Nelas, hanvos levar por dúas das súas maiores xoias, o Claustro Procesional e o fermoso Claustro da Hospedaría. Se vos dá tempo e vos gusta a natureza, alongade a vosa visita un día máis en Montederramo para percorrer o seu bosque de bidueiros a través das súas rutas de sendeirismo.
Coa inquedanza de sentirnos observados polo eremita gardián de Esgos que deixamos ás nosas costas, chegamos a Castro Caldelas. Alí percorreremos as súas rúas ata encontrar o santuario dos Remedios e o seu castelo. En primeiro lugar, visitaremos o templo do século XVI que nos agarda na praza da vila, no lugar onde antigamente estaba localizada a antiga ermida do Prado. No seu interior, poderedes visitar o Museo de Arte Sacra. Xa no seu exterior, un cruceiro coa imaxe do apóstolo Santiago e da Virxe do Pilar é testemuña da ruta xacobea que por aquí pasaba na busca de albergue nos mosteiros da Ribeira Sacra.
En canto ao castelo, este foi mandado construír hai máis de 600 anos polo Señor de Castro, tras gañar as terras por loitar a carón do rei alcumado o Xusticeiro. Os grandes e ásperos muros deste castelo permitirán dirixir os nosos pasos á procura do noso pasado. O museo etnográfico que hoxe acolle, amósanos a importancia de Castro Caldelas na historia da zona grazas aos numerosos obxectos atopados durante as reformas: as rochas, teares de liño e apeiros de labranza farannos por un intre volver ao Medievo. A visita é unha experiencia única para imaxinar como era a vida naquela época nunha fortaleza coma esta.
A nosa viaxe continúa cara á Pobra de Trives, onde atravesaremos a espectacular ponte romana do río Bibei. Da época do emperador Traxano, a día de hoxe continúa funcionando a pleno rendemento. Esta grande obra de enxeñería romana salva un desnivel de case 23 metros. A altura impresiona especialmente cando un se achega á beira e aprecia a rotundidade dos seus piares, que soportan impasibles os continuos embates do río. Non deixedes pasar a oportunidade de degustar unha auténtica bica manteigada de Trives, un delicioso produto artesanal baseado nas améndoas, típico desta comarca.
Para finalizar esta primeira xornada, agárdanos impasible o castiñeiro de Pumbariño nas terras de Manzaneda. A esta árbore calcúlanselle preto de mil anos de existencia e é a protagonista indiscutible do souto de Rozabales. Para chegar ata ela, teremos que atravesar unha frondosa corredoira escoltados por castiñeiros centenarios que nos han proporcionar acubillo e moita tranquilidade. Ao chegar ante o veterano Pumbariño, intentade rodear os máis de 12 metros de contorno do seu tronco, unha fermosa instantánea está asegurada.
Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba