Todos os plans

As pedras Sagradas da Costa da Morte

Itinerario de 2 dias para percorrer as pedras sagradas da Costa da Morte: monumentos megalíticos como O Dolmen de Dombate, restos da vida castrexa en Borneiro e as pedras máxicas hoxe cristianizadas do Santuario da Barca de Muxía e a Cama do Santo de Fisterra.

Programa Completo

  • Día 1

    BUÑO-BORNEIRO-DOMBATE-VIMIANZO-CABO TOURIÑÁN

    Suxerímosvos empezar este itinerario en Buño, cunha interesante visita ao Ecomuseo Muiño de Forno do Forte, onde poderemos comprobar en directo como se traballa a coñecida cerámica. Se vos gusta, en Buño hai varias tendas e obradoiros onde comprar o típico xogo de cerámica para facer a queimada ou algunha peza única.

    A continuación, e acompañados dunha guía oficial, efectuaremos unha visita de 3 horas de duración que nos ha levar por dous símbolos da cultura castrexa e megalítica en Galicia: Castro de Bomeiro, en Cabana de Bergantiños, que conserva os restos dunha poboación da Idade do Bronce —e onde tamén se pode aproveitar para facer unha pequena ruta que pasa por distintos muíños— e o Dolmen de Dombate, posiblemente o máis famoso de Galicia e o mellor conservado, nun pavillón aberto e con centro de recepción de visitantes.

    Pola tarde, podemos ir ata Vimianzo para coñecer o seu castelo (Torres de Vimianzo), fortaleza medieval perfectamente rehabilitada onde palilleiras e artesáns do liño traballan na Mostra de Artesanía en vivo. Veredes, ademais dos famosos encaixes de Camariñas, traballos en coiro e prata e pezas de cerámica.

    Partindo de Vimianzo darémosvos as indicacións precisas para atopar algúns dos dolmens e mámoas da zona, monumentos megalíticos da prehistoria que están esparexidos por toda A Costa da Morte. Os máis interesantes e accesibles son o Dolmen de Pedra Cuberta, que lle dá nome á aldea onde se sitúa, e o da La Casota de Freáns, a un quilómetro a pé desde a aldea de Berdoias. Preto de aquí, podedes atopar praias salvaxes e gozar de pequenos paseos por pradarías, na procura das pedras máxicas de Galicia.

    Tamén podedes ir buscar a última raiola de sol da Europa Continental no Faro de Cabo Touriñán, preto de calquera dos aloxamentos dispoñibles para esta ruta na vila de Muxía: Casa Trillo ou o Hotel Rural Fontequeiroso. Ambos os hoteis ofrecen unha saborosa cea con reserva previa. Aloxamento

  • Día 2
    MUXÍA-FISTERRA
    Tras o almorzo sairemos cara á vila mariñeira de Muxía, que quere dicir “terra dos monxes”. Antes de chegar a ela atoparemos dous interesante mosteiros: San Martiño de Ozón, cun dos hórreos de maior tamaño de Galicia nas súas inmediacións e onde non deberiades esquecer facer a “típica foto galega”, e San Xián de Moraime, obra do s. XII da escola do Mestre Mateo, famoso escultor do Pórtico da Gloria da Catedral compostelá.
    Xa en Muxía, recomendámosvos deixar o coche ben aparcado e facer un percorrido sen présas: paseo marítimo, peirao de Don Manolo, Praza da Constitución e, continuando pola banda do mar coa ría de Camariñas á nosa dereita, subiremos ata a igrexa de Santa María, de estilo gótico mariñeiro e cun peculiar campanario levantado nos penedos e separado do templo. Desde alí, un camiño con vistas aos secadoiros de congros lévanos ata o Santuario da Virxe da Barca, asomando ao balcón do océano, onde están as máxicas pedras cristianizadas que salientan o poder milagreiro da Virxe que se lle apareceu ao apóstolo Santiago. A “Pedra de Abalar” sería o casco do barco da Virxe e a "Pedra dos Cadrís” e a “do Temón”. Aquí, as vagas do Océano Atlántico baten con forza e invítanos a desconectar por un momento do mundanal ruído.
    Case será a hora da comida e podemos regresar polo lado occidental da península de Muxía ata o centro da vila para degustar unha típica caldeirada de peixe con congro, abadexo e raia.
    Pola tarde, continuaremos o itinerario ata Fisterra, onde visitaremos a igrexa románica de Santa María das Aréas, ao principio da estrada que conduce ata o faro da Fin do Mundo. Posteriormente, e continuando polo mesmo camiño, podemos deixar o coche e facer unha ruta sinxela (4 km) de subida á ermida do Monte de San Guillerme, onde existe unha pedra máxica: a chamada “Cama do Santo”, unha antiga lousa antropomorfa ligada desde tempos ancestrais ao culto á fertilidade.
    Para fechar con chave de ouro este día, achegarémonos ata O Faro de Fisterra, fin do mundo coñecido na antigüidade. O ideal é asistirmos ao espectáculo da posta do sol sobre o mar, que nos fará preguntarnos se realmente esta é a fin do mundo ou o comezo do ceo.
  • Día 3 (opcional)

    OPCIONAL: FISTERRA-MONTE PINDO GUIADO

    Se queredes pechar o percorrido das pedras máxicas cunha ascensión ao Monte Pindo, recomendámosvos ampliar a estadía unha noite nunha casa rural na zona de Ézaro, con servizo de guía oficial para facer a subida ao Monte sen risco de nos perder polo camiño, ou de perder algunha das máxicas lendas que existen sobre a paisaxe pedregosa do Monte Pindo, que a nosa guía experta nos irá relatando polo camiño.

    O aloxamento seleccionado é a Casa Rural Santa Uxía, antiga casa de labranza de 1920 situada na ribeira do encoro de Santa Uxía, entre as montañas do Monte Pindo e a tan só 5 minutos da praia de Ézaro, onde o río Xallas desemboca no mar nunha espectacular fervenza.

    A ruta de sendeirismo que imos facer con guía é de 4 horas en total e non require preparación previa, xa que subiremos polo camiño que ten menos pendente. Nesta ruta coñeceremos de primeira man a historia desta catedral natural, un lugar onde a maxia se fai realidade e considerado por moitos como o Olimpo Celta de Galicia. O final da ruta está no punto máis alto, coñecido como A Moa e situado a 627 metros sobre o nivel do mar. Desde este punto gozaremos dunhas espectaculares vistas sobre o extremo final da Terra, o Cabo Fisterra, e se o tempo nos acompaña e temos uns bos prismáticos, poderemos albiscar desde alí as mesmísimas torres da Catedral de Santiago.

Condicións específicas

 Casa Trillo ou Hotel Fontequeiroso

    - Tempada Baixa 59€
    - Tempada Alta 68€

 prezo por persoa e paquete

Servizos incluídos

1 noite en AD en Casa Trillo o no Hotel Rural Fontequiroso (Muxía)

Ruta de 3h con guía oficial : Castro de Borneiro e Dólmen de Dombate
Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba