Todos os plans

Ribeira Sacra: entre mosteiros, castelos...

Paquete de 3 días / 2 noites, para coñecer a fondo a Ribeira Sacra do Río Sil. Da man das nosas guías expertas descubriredes os mosteiros, castelos e fortalezas ocultas entre as rochas e bosques das ladeiras ourensanas do Sil.

Programa Completo

  • Día 1

    SAN ESTEVO E SANTA CRISTINA DE RIBAS DE SIL (venres)

    Comezaremos a fin de semana cunha visita guiada (regular) de 4 horas de duración: “Ribeira Sacra I”, con saída ás 16.30h. do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas De Sil, convertido en Parador de Turismo e que pode ser o voso aloxamento seleccionado esta fin de semana. Se chegades a tempo, o seu restaurante ha ofrecervos boa mesa e descanso no frescor dos seus claustros.

    A visita comeza no mesmo Mosteiro de Santo Estevo, que pola súa rehabilitación e grandeza é un dos máis esplendorosos da Ribeira Sacra. Continuaremos ata Santa Cristina de Ribas de Sil, envolta na natureza, de estilo románico e renacentista, e gozaremos das espectaculares vistas desde algún dos miradoiros que dan ao canón do río Sil. Penetramos noutro canón no río Mao, afluente do Sil, onde a través das pasarelas de madeira, literalmente colgadas da montaña, pasearemos entre as copas das árbores ata Barxacova. A camiñada é duns 30 minutos.

    Fin da visita e traslado ao aloxamento seleccionado. Posibilidade de efectuar a cea no mesmo aloxamento.

  • Día 2
    CRUCEIRO E RUTA DE SAN PEDRO DE ROCAS ATA O CASTELO DE MACEDA (sábado)
     
    Almorzo. Pola mañá, desde o embarcadoiro de Santo Estevo tedes incluída unha agradable excursión (1h e ½) a bordo dun catamarán de luxo (ata 11 prazas). Nesta viaxe gozaredes dun contacto máis natural co río Sil e mesmo poderedes darvos un baño na época estival; ademais, dende alá abaixo teredes outra panorámica diferente dos canóns e mosteiros que onte visitastes desde o alto. De regreso, temos previsto facer unha parada na Ribeira Lucense, no embarcadoiro de Chancís, e se queredes quedar a comer na súa terraza, lembrádevos de reservar con tempo e de avisar para que vos crucen á outra beira con tempo suficiente para a visita da tarde: “Ribeira Sacra II”. Calculade uns 30 minutos desde o embarcadoiro de Santo Estevo ata Esgos.
    Pola tarde en Esgos, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, comeza a visita (regular) con guía oficial ás 16.30h. Este Mosteiro, situado nun enclave de frondosos bosques, é un dos máis antigos de Galicia. Destacan as súas tres capelas escavadas na mesma rocha, o seu campanario, as sepulturas antropomórficas e o mapamundi pintado sobre as pedras. A continuación, visitaremos o Mosteiro de Santa María, en Xunqueira de Espadanedo, que hoxe é a sede do concello. Neste pequeno mosteiro resaltan as trabes policromadas con figuras animais e humanas. De camiño habémonos deter a ver como traballan os fornos dos oleiros de Niñodaguía, onde se fabrican con arxila de cor amarela pezas moi prácticas para a cociña (cuncas, pratos, bandexas..) e, se cadra, poderedes mercar algunha delas e levar un útil recordo. Finalmente, visitaremos o Castelo de Maceda, da época medieval, moi ben conservado. Nel viviu Afonso X O Sabio ata a idade de 11 anos. O castelo dispón de restaurante onde recomendamos reservar para cear.
    Fin da visita e regreso ao aloxamento. 
  • Día 3
    MONTEDERRAMO E CASTRO CALDELAS (domingo)
     
    Tras o almorzo, propoñémosvos efectuar a seguinte ruta en coche: a uns 45 minutos do aloxamento, e pasando por Parada de Sil, chegaredes a Montederramo. Alí, recomendámosvos visitar o mosteiro cisterciense de Santa María, orixinal do s. XII e que sufriu varias reformas; hoxe conxuga estilo renacentista e barroco. Destacan os seus claustros, a espectacular escalinata de baixada á igrexa e a sancristía. Nun documento do ano 1124, a raíña Dona Tareixa de Portugal mándao fundar e fai por primeira vez alusión escrita o nome Rivoyra Sacrata. Na oficina de turismo ofrecen visitas guiadas. Continuade a Castro Caldelas, vila de rúas empedradas e casiñas con galerías, famosa —ademais de pola bica (sobremesa típica da zona)— polo seu castelo-fortaleza, do s. XII, e polo Santuario dos Remedios. O paseo polo interior das murallas da fortaleza é moi interesante. Han sorprendervos un pétreo e tallado reloxo de sol e as torres da homenaxe, perfectamente conservadas.
    Podedes continuar co descubrimento da Ribeira Sacra Lucense cruzando por Doade, na provincia de Lugo, ou continuar cara ás Terras de Trives e penetrar na Galicia máis auténtica e tradicional. Para ambas as rutas existen paquetes turísticos.

Condicións específicas

 Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil
- Tempada Baixa 239€
- Tempada Media 255€
- Tempada Alta 265€

Casa Rural Da Eira
    - Tempada Baixa 119€
    - Tempada Alta 129€

Servizos incluídos

2 noites en AD no Parador de Santo Estevo de Ribas del Sil ou na Casa Rural da Eira.

Unha visita con guía oficial " Ribeira Sacra I " (4h)

Excursión en Catamarán (1 hora 30 min) ata 11 plazas

Visita con guía oficial " Riberia Sacra II " (4h)

Reserva de mesa en restaurantes recomendados

Suplemento póliza de anulación 3€ por persona.
Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba