A primeira parada do noso percorrido polos “10 lugares únicos de Galicia” é a Ribeira Sacra, onde se atopa a meirande concentración de construcións relixiosas de estilo románico en Europa.

A Ribeira Sacra é unha terra marcada polos ríos Miño e Sil que, ao seu paso entre as montañas, van moldeando a súa fermosa paisaxe. Todo isto, unido á fe e á espiritualidade que aínda envolve os numerosos mosteiros espallados por estas terras, fan deste recuncho de Galicia unha aposta segura para os sentidos.

Internádevos nesta atmosfera máxica para coñecer un lugar tan especial como Santo Estevo de Ribas de Sil, antigo convento cuxo edificio foi totalmente rehabilitado e integrado na rede de Paradores Nacionais. Outro dos mosteiros que non podedes perder é o de San Pedro de Rocas, un templo escavado en rocha viva. Ao entrar na igrexa, a sensación é moi similar á de estar nunha cova primitiva. Rodeando o templo, poderedes descubrir sepulturas antropomorfas, ás que a pedra, a choiva acumulada e o lique lles dan un verniz máxico. Pero estes son só dous exemplos de todo o patrimonio que podedes atopar na Ribeira Sacra, hai moitísimo máis agardando por vós nas ribeiras do Miño e do Sil, como as igrexas de San Paio de Diomondi e a de San Miguel de Eiré, ou os mosteiros de Santa Cristina de Ribas de Sil e Montederramo.

Pero non todo é patrimonio arquitectónico na Ribeira Sacra, a súa paisaxe, formada por bosque autóctono, é o lugar ideal para que os amantes da natureza poidan facer distintas rutas. Non esquezades facer unha parada para contemplar a grande obra da natureza no canón do río Mao, cos seus impresionantes saltos. E, se o que vos gusta é contemplar paisaxes, achegádevos ata Parada de Sil, onde vos agardan os canóns máis agrestes e escarpados de toda a zona. Os máis sonados son “os balcóns de Madrid” dende os que podemos apreciar a espectacularidade dos canóns, pendurados sobre o baleiro, e sempre que non teñades medo ás alturas.

Falar da Ribeira Sacra tamén é falar de viño, o cal se aprecia nada máis poñer o pé nestas terras: a súa paisaxe está marcada polos coñecidos “socalcos”, viñedos en bancais situados nas ladeiras das montañas. Xa que estades nestas terras, non perdades a oportunidade de probar os seus deliciosos viños, que forman parte dunha das 5 denominacións de orixe vinícolas que existen en Galicia.

Interésache...
- Máis información en www.ribeirasacra.org

Esperamos que vos despidades da Ribeira Sacra co espírito en paz despois de percorrer os seus montes máxicos, onde a natureza salvaxe e a fe conviven en perfecta harmonía. Guiados polas ribeiras do Miño, ou ben navegando polos canóns do Sil, descubriredes recunchos inaccesibles por terra onde se agochan auténticas xoias medievais entre os socalcos que fan desta terra un lugar moi próximo ao paraíso.

Arriba
Axúdanos a mellorar!