E continuamos o noso periplo polos “10 lugares únicos de Galicia” saltando dunha cidade á outra. Chegamos á Coruña para admirar a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo -de orixe romana- en funcionamento, o que lle valeu a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O Farum Brigantium foi construído polo Imperio Romano a finais do século I ou a primeiros do século seguinte. Situado na entrada do porto da Coruña, este monumental faro foi deseñado para facilitar a navegación ao longo da recortada costa galaica, un punto estratéxico ao longo da ruta marítima que unía o Mediterráneo co noroeste de Europa.

Segundo conta unha lenda, o heroe grego Hércules chegou a España na busca do xigante Xerión, co fin de liberar estas terras do seu abusivo poder. O enfrontamento que protagonizaron alongouse durante 3 días coas súas noites, con resultado favorable a Hércules que venceu o xigante e lle cortou a cabeza, enterrándoa xunto ao mar. Nese lugar, e como conmemoración da súa vitoria, construíuse un faro, nas proximidades do cal se fundou a cidade de Crunia, nome da primeira muller que habitou o lugar e da cal Hércules se namorou.

 

Subide as súas empinadas escaleiras e, unha vez arriba, gozade dunha abraiante panorámica da cidade da Coruña e do océano Atlántico mentres o vento zoa con forza. Pero tede coidado de non facer ruído, non sexa que espertedes o xigante... Logo desta panorámica sobre a cidade, percorrede o seu paseo marítimo, visitando as coñecidas praias de Orzán e Riazor, onde o bater do mar nesta zona é todo un espectáculo. Se continuades polo paseo, en dirección ao Parrote, chegaredes ata Porta Real por onde accederedes á zona da Mariña coas súas galerías, polas que A Coruña recibe o alcume de “cidade de cristal”.

Aproveitade para percorrer esta fachada da cidade, onde podedes parar para refrescarvos nalgún dos seus tradicionais cafés, mentres degustades un delicioso xeado artesán. Achegádevos tamén ata os xardíns de Méndez Núñez e logo paseade pola rúa Real, a cal desemboca na praza máis coñecida da cidade, a de María Pita. Alí podedes admirar unha estatua en honor á heroína máis popular da cidade ao tempo que tomades un delicioso aperitivo nalgunha das súas terrazas.

Interésache...
- Horarios de visita da Torre de Hércules: De outubro a marzo (de luns a domingo): De 10:00 a 18:00 horas. De abril a setembro (de luns a domingo): De 10:00 a 19:00 horas. Xullo e agosto (de luns a domingo): De 10:00 a 21 horas. Máis info en www.turismocoruna.com.

Despedídevos ata outra deste fermoso “balcón do Atlántico” coa sensación de que fostes agarimados non só polo recendo a mar e o vento salgado, senón tamén pola súa xente pois, dende antigo, dise que esta é a cidade onde ninguén é forasteiro.

Arriba
Axúdanos a mellorar!