Turgalicia Turismo de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio > Goza destas... experiencias > Patrimonio oculto > Itinerarios > Engadir á "Miña viaxe"
O Ribeiro

XEODESTINO

O Ribeiro

O Ribeiro é terra de fértiles vales sucada por numerosos ríos como o Miño, o Arnoia ou o Avia. O Ribeiro é sinónimo de viño...

Patrimonio oculto

Xoias do Románico no Ribeiro

Neste itinerario polas terras do Ribeiro, iremos descubrindo grandes tesouros etnográficos espallados por unha terra marcada pola auga dos ríos que a cruzan e as cores das súas vides.

Interésache!

  • Inicio: O Carballiño
  • Fin: Ribadavia
  • Xornadas: 3
  • Km (aprox): 76 Km
Unha noite no muiño,
unha noite non é nada.
Unha semaniña enteira
eso si que é muiñada.
  Cantiga popular

“Se me queres tratar ben, dame viño do Ribeiro, pan trigo de Ribadavia e mozas do chan de Amoeiro.”
  Dito popular

Percorrido - Día 1º

Poñemos en marcha esta primeira xornada seguindo o curso do río Arenteiro, ao seu paso polas terras do Carballiño. Alí, agárdanos o Parque Etnográfico do Arenteiro formado por muíños rehabilitados e destinados a darnos a coñecer os usos tradicionais do río.

Ampliar
Seguindo o paseo fluvial dende a Ponte Veiga chegaremos ao conxunto etnográfico, camiñando por pasarelas de madeira ou ben internándonos en sendeiros de frondosa vexetación. É un circuíto de 5 quilómetros aínda que, grazas ás pontes que comunican ambas as marxes, podemos ir trocando a beira do río e ir modificando o noso camiño.Para recuperar folgos, sentade a descansar nalgún dos seus bancos e escoitade como o son hipnótico do discorrer da auga se mestura co da follaxe das árbores mexidas polo vento, non é unha sensación agradable?
E, xa que estades nunha terra de vides esplendorosas, achegádevos a algún dos establecementos no centro da vila para saborear con calma unha cunca de viño do Ribeiro. Se a fame aperta, acompañádea dunha deliciosa carne richada, dunhas anguías ou dunha ración de polbo á feira polo que é tan coñecido O Carballiño. Como sobremesa, nada mellor que as famosas canas de crema, típicas da zona, ou rosquillas de Ribadavia, de orixe mudéxar.
Continuando o noso camiño cara ao leste, aparece ante nós o concello de Boborás, onde nos agardan pequenas xoias arquitectónicas. A primeira parada farémola no popular santuario barroco da Virxe da Saleta, agochado nunha espesa fraga que emana espiritualidade a cada paso que damos. Sen saír do municipio, atopamos outra pequena xoia, a igrexa románica de San Xiao de Astureses. Fundada polos templarios no século XII, foi incorporada dous séculos máis tarde á Orde de San Xoán de Malta. O templo mantén íntegra a súa estrutura románica: unha soa nave e unha interesante cabeceira semicircular.
Rastrexando as pegadas románicas, chegamos ata a igrexa de San Martiño de Cameixa, unha edificación que, a pesar de sufrir reformas nos séculos XVIII e XIX, aínda conserva ese aire antigo medieval reflectido na pedra tallada e moldeada.
Despois deste percorrido pola pedra monumental, é tempo para unha pequena camiñada. Mergulládevos na natureza frondosa dunha fraga autóctona e seguide o camiño empedrado cara ao cumio onde se agocha a igrexa de San Mamede de Moldes, construída no século XII sobre un antigo castro e integrada no cemiterio. Este santuario destaca tanto pola súa sinxeleza coma polo seu contorno. Aos seus pés atoparedes un interesante conxunto etnográfico composto por un pendello de feira e un antigo camposanto ao que as cores do atardecer lle fan perder a frialdade da súa pedra.
Para poñer fin a esta primeira xornada, dirixímonos ao concello de Leiro onde atoparemos, escoltado por impresionantes e coloridos socalcos, o mosteiro cisterciense de San Clodio. De orixe incerta, este cenobio foi construído no século XII e estivo á disposición dos monxes beneditinos, que o converteron nun núcleo agrícola moi próspero. Precisamente dende este mosteiro introduciuse a vide na zona. Non deixedes de buscar na fachada a cruz de Caravaca, máis coñecida como a "Divina Reliquia", que era venerada polos aldeáns por liberar as vides da sarabia.
Compárteme en...

A Miña viaxe

A miña viaxe

Preparando a viaxe...

Almacena toda a información necesaria para organizar a túa viaxe: museos, monumentos, lugares de interese, aloxamentos, restaurantes...

Unha vez o teñas feito, poderás ver o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar as túas localizacións en GPS

Durante a viaxe...

Xa estás disfrutando de Galicia, aquí poderás consultar o plano da túa ruta, gardar información en PDF ou exportar a túas localizacións en GPS

Si dispós dun móvil con GPS poderás ver a túa situación no mapa.

Despois da viaxe

Agora que xa estás de volta, poderás anotar o que che pareceu o que visitaches, e tamén marcar o que non pudiedeches ver, para non olvidarte na próxima!

Entrar
Xunta de Galicia Turismo de Galicia

© 2013 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Arriba