Mostra do Encaixe de Palillos de Camariñas

Festa de Interés Turístico.
393
0
Festa/Feira popular

Celébrase todos os anos en Semana Santa, de mércores a domingo. A imaxe do inverosímil baile de mans das encaixeiras de Camariñas tense convertido nunha das iconas de Galicia. Desde 1991, esta localidade coruñesa acolle durante a Semana Santa a “Mostra do Encaixe de Palillos”, cunha proposta a cabalo entre unha mostra antropolóxica e unha moderna feira comercial. Mentres as asociacións e algunhas palilleiras de xeito particular, tanto de Galicia como de fóra, amosan o seu traballo na área de exposición, na Mostra participan grandes firmas de moda e deseñadores noveis que desenvolven toda unha programación de desfiles ao estilo das grandes citas internacionais.
A festa ten unha duración de cinco días, e cada sesión diaria de mañá e tarde comeza con demostracións do traballo das palilleiras a cargo das escolas municipais de Camariñas, Camelle, Xaviña e Ponte do Porto. É a oportunidade de coñecer de cerca este peculiar xeito de fabricación de tecidos que consiste en entrelazar fíos sobre unha almofada e un patrón.
O resto do programa complétase cos desfiles, tanto de deseñadores de prestixio consolidado como noveis. Hai tamén un concurso para novos deseñadores. Nas últimas edicións, a mostra abriuse a outras manifestacións artesáns, como os oleiros de Buño, a prataría, o liño ou o vidro soprado, polo que o espazo de exposición ten o interese engadido de representar unha viaxe polas diferentes artesanías tradicionais de Galicia.

Para non perderse:
Os desfiles de traxes de noiva elaborados con encaixes de palillos.

Arriba
Axúdanos a mellorar!