Pinceladas ocultas

A exposición monográfica mostra o significado, a análise e o proceso de restauración dunha pintura barroca da colección do Museo e o descubrimento doutra imaxe oculta baixo a actual
2
0

A mostra temporal Pinceladas ocultas é o resultado dun proxecto de investigación impulsado polo Museo de Belas Artes da Coruña sobre unha obra da súa colección de arte antiga: Arrepentimento de San Pedro, do notable pintor español do século XVII, Francisco Collantes.

O estudo e restauración da obra do século XVII permitiu descubrir mediante un exame radiográfico, a existencia dunha imaxe oculta diferente á que percibimos a simple vista, unha representación, moi probablemente, identificable con San Xerome.

Esta exposición, coa axuda de óleos, gravados, vídeos e documentación gráfica relacionados co seu contexto histórico, trata de explicar o significado desas imaxes, tanto da visible como da que aparece oculta, e tamén o proceso de restauración ao que se someteu a obra, unha vez avaliados os factores de risco e tras un diagnóstico completo das súas necesidades. Os resultados móstranse por vez primeira nos seus compoñentes analíticos, técnicos e documentais, froito da práctica e metodoloxía utilizada. Ambos os asuntos, o estudo documental e a restauración, configuran por tanto a exposición que aquí se presenta.

Ademais, resultado da citada análise, obtivéronse interesantes achados que permitiron ao equipo técnico de profesionais do museo coruñés desenvolver un máis preciso labor de documentación, restauración e investigación, aportando nova luzs sobre a citada obra e a traxectoria artística do seu creador. Estas analíticas puideron levarse a cabo grazas á colaboración da Unidade de Arqueometría da Universidade de Santiago de Compostela.

Con actuacións como esta, a Consellería de Cultura e Turismo intensifica a cooperación coas universidades galegas no eido patrimonial e afonda en liñas de traballo importantes para o Museo, como son o fomento do estudo técnico do legado plástico e visual sito en Galicia, ou a protección e difusión da riqueza histórico-cultural albergada nos museos de xestión autonómica.

Tipo de evento:
Arriba