Semana Santa de Viveiro

A procesión da Última Cea usa un paso creado en 1808
2
0

Numerosos pasos, algúns deles articulados e de grande interese artístico, protagonizan as solemnes procesións de Semana Santa de Viveiro, nas que confrarías e irmandades enchen de relixiosidade e ambiente íntimo as rúas da localidade. Eucaristías, vía crucis ou tamborradas preceden aos días grandes. A procesión do Encontro é considerada como unha das máis emocionantes- As súas figuras representan unha das caídas de Cristo coa cruz ás costas e a Virxe, a Verónica e San Xoán buscándoo

Os actos máis destacados comezan o Xoves Santo, coa procesión da Última Cea –o paso da Cea foi creado en 1808 por un artesán que tomou a mariñeiros do veciño porto de San Cibrao como modelos para as figuras dos Apóstolos– e do Prendemento, organizada pola Irmandade do Prendemento, moi rechamante polas súas túnicas e caparuchos de cores vermella e branca.

O Venres Santo pola mañá ten lugar a procesión do Encontro, outra emocionante cerimonia na que participan, xunto ao Cristo que cae, as tallas da Dolorosa, San Xoán e a Verónica, e que é seguida pola multitude desde os balcóns e as rúas con crecente interese. Pola tarde, tras o Desencravo celébrase a procesión do Santo Enterro, a máis luxosa de todas, cos levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola e un gran caparucho con anteface.

A procesión da Paixón ten lugar na media noite do Venres Santo. Nela participan cos seus respectivos pasos varias confrarías e irmandades, entre elas a das Sete Palabras e a de Mulleres da Santa Cruz, ataviadas coa súa clásica mantilla. Na media noite, sae ás rúas a procesión da Soedade ou dos Caladiños, cos pasos da Verónica, San Xoán e a Virxe da Soedade, acompañados por unha multitude de fieis con candeas acesas no máis impresionante recollemento.

Arriba