27 xan 2014

Máis de setenta mil persoas visitaron o stand de Galicia na edición número XXXIV da Feira Internacional de Turismo de Madrid

A directora de Turismo de Galicia fixo balance da afluencia de medios especializados, visitantes e profesionais do turismo no stand galego
Nava Castro lembrou que o stand, inspirado en Galicia como destino sustentable, recibiu o galardón ao mellor stand institucional das comunidades autónomas.
Segundo explicou a directora de Turismo, Galicia rexistrou en 2013 un incremento na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 4,9%, a respecto da rexistrada en 2012.
Galicia rexistrou a segunda taxa de crecemento na cifra de viaxeiros máis elevada do Estado.

Nava Castro, na presentación do balanzo de Fitur 2014.

A directora de Turismo, Nava Castro Domínguez, comunicou hoxe en rolda de prensa que o stand de Galicia en Fitur superou os 70.000 visitantes durante os cinco días que durou a XXXIV edición do certame. En total, 167 países e rexións participaron nesta edición do certame, que segundo comunicou a propia organización da feira superou os 220.000 asistentes.

En total foron máis de 70.000 persoas as que pasaron neses días polo stand institucional do Turismo galego en Fitur. O stand de Galicia en Fitur 2014 tamén foi o punto de encontro entre os profesionais do Turismo galego e os operadores nacionais e internacionais. Os profesionais que acudiron á feira mantiveron máis de mil xuntanzas de traballo nas dependencias da área de traballo para profesionais construída ao efecto no stand de Galicia, ademais dos numerosos encontros que se puideron manter noutras dependencias do recinto.

No recinto de degustación de produtos gastronómicos galegos no stand da comunidade servíronse 750 quilogramos de produtos galegos. Por este recinto pasaron arredor de 5.000 persoas ao longo dos días de feira. Este servizo estivo atendido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Segundo explicou a directora de Turismo, os 18 informadores turísticos que atenderon o stand institucional de Galicia na feira distribuíron un total de 200.000 folletos e outro material de promoción. Polo stand de Galicia en Fitur 2014 puideron pasar arredor de 150 medios de comunicación de Galicia, do resto de España e internacionais.

Premio ao mellor stand
A organización de Fitur e Ifema outorgaron a Galicia o premio ao mellor stand institucional e das comunidades autónomas. En 34 anos de historia que ten a feira, Turismo de Galicia é historicamente o stand más premiado de Fitur. O xurado valorou para outorgar este premio parámetros relativos ao deseño do stand, a calidade na atención aos visitantes, a calidade do material que se distribuíu e a imaxe que se transmitiu do territorio.

De igual modo, a organización de Fitur destacou sobre o stand que “a hospitalidade de Galicia transmítese no stand con gran acerto, xerando unha sucesión de espazos acolledores e cálidos, mediante unha concatenación de xestos orgánicos, que definen os diferentes ambientes do pavillón, entendendo a forma como unha escusa para xerar lugares de encontro de gran interese”.

Balance de datos de 2013
Nava Castro fixo balance ademais dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística da Enquisa de Ocupación Hoteleira de decembro e mais os datos acumulados no ano relativos aos establecementos hoteleiros (hoteis e pensións). Segundo apuntou, Galicia rexistrou unha mellora dos niveis de demanda hoteleira.

A nivel estatal, Galicia rexistra a segunda taxa de crecemento máis elevada da cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros -só superada por Navarra-. Así, no que respecta á cifra de viaxeiros, o ano 2013 pechou cun incremento de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 4,9% con respecto ao ano anterior, rexistrando algo máis de 3,37 millóns neste 2013. Na media estatal o incremento do número de viaxeiros foi do 1%.

Doutra parte, no que respecta ás pernoitas, rexistrouse tamén un incremento do 1,9% achegándose aos 6,8 millóns no conxunto da comunidade. O conxunto do Estado rexistrou tamén unha cifra semellante de incremento das pernoitas con respecto ao ano anterior. Dende o punto de vista dos mercados, o incremento da demanda vén dado basicamente polo bo comportamento do turismo internacional. Con algo máis de 826.000 viaxeiros estranxeiros acádase un máximo histórico en Galicia.

Así, o mercado estranxeiro presenta crecementos tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoctacións. Os viaxeiros internacionais soben un 11,3% e as pernoitas increméntanse un 7,9%. O turismo nacional mantense relativamente estable subindo o receptor nacional nun 1%. Este pequeno repuntamento deste segmento de mercado non se producía dende o ano 2006, a excepción do Ano Santo. A mellora dos niveis de demanda prodúcese nas dúas tipoloxías de aloxamento. Nos hoteis soben as pernoctacións un 1,8% mentres que nas pensións se incrementan nun 2,1%.

Segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de 2013, contabilízanse 2.158 establecementos hoteleiros inscritos en Galicia, o que supón un incremento do 2,47% a respecto das rexistradas o ano anterior. Estes establecementos hoteleiros contan con máis de 81 mil prazas, o que supón tamén un aumento do 2,68% no número de prazas en relación ás rexistradas no 2012.


Datos de decembro de 2013 en comparación co 2012
No mes de decembro tamén se contabiliza un incremento do volume de aloxados nos establecementos hoteleiros galegos do 1,5%, con case 160.000 viaxeiros. As pernoitas rexistradas nos establecementos hoteleiros de Galicia contabilizaron un incremento do 3,2% no mes de decembro en relación ao mesmo mes do ano anterior. En números absolutos houbo 310.350 pernoctacións.

No último mes do ano 2013 produciuse un incremento de pernoctacións do turismo interno, é dicir, aquel que corresponde aos residentes en Galicia, dun 5,7%. De igual modo, o turismo que procede do resto do Estado tamén se incrementa nun 6,8%, en relación ao mesmo mes do ano anterior. A estadía media nos hoteis e pensións de Galicia sobe neste mes nun 1,6% situándose en 1,96 noites de media.

Peregrinos de 157 nacionalidades
En canto ao número de peregrinos computados, no ano 2013 recolleron a Compostela un total de 215.880 peregrinos. Isto supuxo un incremento do 12,15% con respecto aos peregrinos contabilizados en todo o ano 2012.

Atendendo as nacionalidades dos peregrinos, os peregrinos estranxeiros supuxeron un 50,95% do total dos que recolleron a Compostela. En total contabilizáronse 109.989 peregrinos internacionais na oficina de Santiago de Compostela.

Este ano chegaron a Santiago peregrinos procedentes de 157 países diferentes. Despois de España, o país do que proceden mais peregrinos é Alemaña seguido de Italia, Portugal, Estados Unidos, Francia, Irlanda, Reino Unido, Canadá e Australia.

Arriba
Axúdanos a mellorar!