24 xuñ 2013

O tren turístico da Ruta dos faros de Galicia realizou o seu traxecto inaugural entre Ferrol e Ribadeo

Desde a pasada fin de semana e ata o 15 de setembro, durante fins de semana alternas, pode percorrerse este traxecto que visita os recursos turísticos máis singulares da zona e ofrece unha alternativa diferente e atractiva para percorrer Galicia.

 

O vindeiro sábado, 29 de xullo, partirá de Santiago de Compostela con destino a Vigo o tren turístico da Ruta polos xardíns das camelias.

Chegada do Tren da Ruta dos faros a Ribadeo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e mais os alcaldes de Ferrol, Cedeira, Ortigueira e Barreiros, inauguraron a Ruta dos faros de Galicia, un traxecto turístico en tren que une Ferrol con Ribadeo e que dende o pasado día 22 ata o 15 de setembro poderá realizarse durante as fins de semana alternas.

 

A Ruta dos faros forma parte dos proxecto turístico posto en marcha grazas á colaboración de Renfe e mais Turismo de Galicia e que utiliza o tren como medio de transporte turístico, unha iniciativa pioneira na comunidade e que inclúe o Tren Al-Andalus, a Ruta polos xardíns das camelias, o Galicia Rail-Pass, e mais a Ruta dos faros da de Galicia que  comezou a funcionar a pasada fin de semana.

 

Segundo comentou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, “trátase dun proxecto pioneiro na comunidade e de gran valor diferencial”. “A Ruta dos faros móstranos un destino onde a preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial está moi presente, o que converte a ruta nun elemento distintivo”, engadiu.

 

Características da ruta


A Ruta dos faros ofrece varias posibilidades, o sábado pode percorrerse a ruta longa Ferrol-Ribadeo-Ferrol ou ben a ruta curta, Ferrol-O Barqueiro-Ferrol. O domingo o percorrido longo sería Ribadeo-Cerdido-Ribadeo e o curto Ribadeo-Ortigueira-Ribadeo.

 

A Ruta dos faros permite coñecer enclaves como a Illa de San Vicente; o Cabo Ortegal; o miradoiro de Vixía Herbeira; Santo André de Teixido; o cabo de Estaca de Bares; O Barqueiro; Ribadeo; o Faro de Illa Pancha e a Praia das Catedrais. Para visitalos prográmanse excursións realizadas en microbuses especiais, que saen dos apeadoiros do tren. Na ruta disponse dun guía especializado durante todo o percorrido.

 

As vindeiras saídas desta ruta están previstas para os días 6,7,20 e 21 de xullo; 3,4, 17, 18 e 31 de agosto; e mais 1, 14 e 15 de setembro. Os prezos para adultos da ruta longa son de 40 euros; e da ruta curta son 35 euros. Os nenos aboarán 10 euros en ambas as dúas rutas. Os billetes para percorrer a Ruta dos faros de Galicia poden adquirirse na páxina web de Renfe.

 

Por outra parte, o vindeiro sábado, 29 de xullo, partirá de Santiago de Compostela, con destino Vigo, o outro tren turístico posto en marcha este verán coa denominación Ruta polos xardíns das camelias, que tamén funcionará ata o vindeiro 15 de setembro.

Arriba
Axúdanos a mellorar!