07 out 2013

Toquio acolle un ciclo de cinema galego organizado por Turismo de Galicia en colaboración co Instituto Cervantes

Entre o 5 de outubro e o 20 de decembro proxectaranse seis filmes e haberá dúas sesións de cine fórum impartidas por un profesor do Instituto Cervantes de Toquio.
Esta actividade inclúese nas accións que se desenvolven no marco da conmemoración do Ano Dual España-Xapón.
 
O obxectivo é ofrecer ao público nipón unha visión da paisaxe e da cultura material e inmaterial de Galicia ao tempo que se crea un espazo web no que se poderán coñecer as localizacións das rodaxes cinematográficas.
Turismo de Galicia organiza en colaboración co Instituto Cervantes de Toquio un ciclo de cinema galego no que se proxectarán seis filmes entre os días 5 de outubro e 20 de decembro.
 
O ciclo, incluído nas accións que se desenvolven no marco da conmemoración do Ano Dual España-Xapón, ten por obxectivo ofrecer aos espectadores xaponeses unha visión da paisaxe e da cultura material e inmaterial de Galicia e do seu carácter.
 
Seleccionáronse para este ciclo as seguintes seis películas: 'Mar adentro', 'La lengua de las mariposas', 'The Way', 'Romasanta', 'A caza da bestia'; '18 comidas' e 'O Apóstolo'. Todas elas con forte implicación da paisaxe na súa narración. En todos os filmes aparecen fitos recoñecibles e propios da paisaxística que reforzan a autenticidade do territorio, tal é o caso do casco antigo de Ourense, da aldea de Seceda, dos soutos da Fonsagrada; da praia das Furnas; as prazas circundantes á catedral de Santiago; o mercado de Compostela; etc. Doutra parte, son películas cun alto contido emocional que facilita a identificación dos espectadores cos personaxes e os escenarios.
 
O ciclo contará con dúas sesións de cine fórum impartidas por un profesor do Instituto Cervantes para os xaponeses teñan maior coñecemento da historia e o contexto cultural que teñen as películas do ciclo.
 
Ademais, crearase un espazo de web onde se poderán coñecer as localizacións das rodaxes cinematográficas (Movie Map), as anécdotas das rodaxes e a información turística dos escenarios de cada película en castelán e en xaponés.
Arriba
Axúdanos a mellorar!