24 out 2013

A directora de Turismo e o embaixador de Xapón inauguraron a placa conmemorativa do Ano Dual España-Xapón situada no Monte do Gozo

Nava Castro Domínguez e Satoru Satoh inauguraron  a placa situada no miradoiro do Monte do Gozo deste evento que conmemora os 400 anos de relación entre España e o país nipón.

O Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo están irmandados e Xapón é o principal mercado turístico asiático para Galicia.

Preto de 9.800 viaxeiros xaponeses aloxáronse nos establecementos hoteleiros galegos ao longo de 2012 e un de cada cen peregrinos estranxeiros que chegou a Galicia no que vai de ano procede do Xapón

A directora de Turismo de Galicia, o alcalde de Santiago e o embaixador do Xapón en España, hoxe en Santiago.

Desde a pasada semana, os peregrinos que cheguen á última etapa do Camiño Francés a Santiago poderán ver a placa conmemorativa do Ano Dual España-Xapón. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh, inauguraron o monolito no miradoiro do Monte do Gozo que conmemora os 400 anos de relacións entre ambos os países.

Entre os anos 2013 e 2014 celébrase o Ano Dual España-Xapón, que conmemora a chegada a España no ano 1614 da primeira delegación diplomática de carácter oficial enviada por Xapón a España, que saíu de Sendai en outubro de 1613. A delegación, que recibiu o nome de Embaixada Keicho. Este feito ten pasado á historia por tratarse dun dos máis importantes acontecementos nas relación bilaterais entre España e o país nipón.

No acto de inauguración do monolito estiveron presentes tamén o director xeral de Patrimonio do Goberno de Castela e León; a presidenta da Deputación de León e o alcalde de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia resaltou, en declaracións aos medios, o feito de que o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano, ambos con declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, están irmandados. De igual modo, explicou que o monolito que hoxe se inaugura é un xeito de agradecer a presenza da Súa Alteza Real o Príncipe Naruhito en Galicia este mesmo ano. Así como que Turismo de Galicia visitará o país nipón en breve e os representantes institucionais terán ocasión de percorrer varios tramos do Camiño Kumano Kodo. De igual modo, avanzou que se traballa desde a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, na organización en 2014 dunha semana de Galicia en Xapón.

Pola súa banda, o embaixador de Xapón en España explicou que esta conmemoración do Ano Dual acadará gran relevancia para as relacións entre ambos os países. Satoru Satoh comentou tamén que el mesmo está a realizar algúns tramos do Camiño de Santiago, que comezou en León; e ao tempo, o embaixador de España en Xapón percorre o Camiño Kumano Kodo. “Este é un xeito de intercambiar a experiencia e a espiritualidade das dúas peregrinacións”, indicou Satoru Satoh.

Turistas e peregrinos xaponeses en Galicia
Xapón é o principal mercado turístico asiático de Galicia. Con preto de 9.800 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade en 2012, Xapón representa o 1,3% do total do turismo internacional recibido en Galicia.

En termos dinámicos, o mercado xaponés rexistrou en 2012 un incremento importante dos seus niveis de demanda, superando nun 23% a cifra de viaxeiros e nun 9% o nivel de pernoitas do anterior ano 2011.

No Camiño de Santiago, Xapón é o segundo mercado asiático por detrás de Corea. Con 860 peregrinos rexistrados no pasado ano -cifra correspondente ao número de Compostelas expedidas pola Oficina do Peregrino –supón o 1% do total de peregrinos estranxeiros chegados a Galicia. Un de cada cen peregrinos estranxeiros que chega a Galicia procede do país nipón.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!