03 mar 2014

Turismo de Galicia en colaboración co Banco Etcheverría leva a León a exposición ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’

A exposición inaugurarase hoxe día 3 de marzo e permanecerá na capital leonesa ata o 2 de abril. Trátase dunha mostra de Manuel Valcárcel e Alexandre González composta por 50 fotografías e un audiovisual de 10 minutos de duración. A localidade francesa de Le Puy-en-Vélay acolle tamén a mostra ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’, a última itinerancia desta exposición que dende o 2012 percorreu diversas cidades españolas e europeas . Está organizada por Turismo de Galicia, través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e colaboran a Fundación Catedral de Santiago, a Federación Europea dos Camiños de Santiago e nesta ocasión o Hotel Dieu de Le Puy-en-Velay .

Hoxe día 3 de marzo chega a León a exposición Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago que se expuxo por primeira vez en decembro na localidade francesa de Narbona no marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A exposición está organizada por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo dentro do convenio de colaboración que mantén co Banco Etcheverría. A mostra poderá visitarse dende hoxe na sala municipal de exposicións San Marcelo, na praza San Marcelo da capital leonesa. Alí permanecerá ata o 2 de abril. Á inauguración asistirá, xunto con autoridades locais, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.

A mostra componse de 50 fotografías e un audiovisual de 10 minutos de duración da autoría dos artistas de Monforte de Lemos Manuel Valcárcel, fotógrafo, e Alexandre González, músico. A exposición conta tamén con música orixinal e é o froito da viaxe de ambos artistas galegos a traveso dunhas rutas xacobeas de dilatada historia e tradición. É unha viaxe contemporánea realizada co propósito de impregnarse, cos cinco sentidos alerta, na intimidade duns lugares históricos que forman parte substancial da nosa memoria cultural. A mostra reflicte unha viaxe intensa e moi vivida por Italia, o sur de Francia, o norte de España e a Galicia xacobea seguindo a ruta que fixo San Francisco de Asís no ano 1214 ata Compostela nunha peregrinación moi particular na que ambos artistas se amosan atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares e os camiños.

Exposición sobre o Calixtino en Le-Puy-en-Vélay
A exposición didáctica Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago, sobre a historia e os contidos do Códice Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a Catedral e a cidade de Santiago no século XII e unha síntese da historia do Camiño de peregrinación e os seus valores culturais, remata a súa itinerancia iniciada en Barcelona no ano 2012 coa súa chegada á localidade francesa de Le Puy-en-Velay .

A exposición, organizada por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, permanecerá ata o 11 de maio no Hotel-Dieu, no número 2 da Rue Becdeliévre. Ao acto inaugural asitiron Michael Joubert, presidente da comunidade urbana de Le Puy-en- Velay e Laurent Wauquiez, alcalde desta localidade e presidente da Federación Europea dos Camiños de Santiago, entre outras autoridades. Adeline Rucquoi, presidenta da Sociedade Francesa de Amigos de Santiago e membro do Comité de Expertos dos Camiños de Santiago, ofreceu unha conferencia sobre o fenómeno xacobeo.

Na organización deste evento colaboran con Turismo de Galicia a Fundación Catedral de Santiago, a Federación Europea dos Camiños de Santiago e, nesta ocasión, o Hotel-Dieu de Le Puy-en- Velay. Algunhas das pezas que se poderán ver na exposición son orixinais e outras son edicións facsímile, como unha reprodución do Códice Calixtino do século XII; unha peza orixinal dun capitel xeminado medieval dunha casa compostelá; un facsímile da cruz doada polo rei Afonso III en 874 - peza de ouro e pedrería realizada en 2004- ; un libro orixinal cunha escena de peregrinación con gravados do século XVI ou un rosario de acibeche e prata do gremio de Acibecheiros de Santiago do século XIX.

Ademais, amósanse fotografías ampliadas de miniaturas do Códice; a reconstrución virtual dun altar maior románico da catedral de Santiago segundo unha descrición do Libro V do Calixtino e a música ambiental da exposición procede das notacións orixinais do Códice Calixtino. A mostra complétase con textos, fotografías e a posibilidade da visión completa do Códice en edición dixital, así como diversas recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice e dun programa de visita virtual á Basílica Xacobea denominado Libro de Pedra.

Tamén inclúe importantes exemplos da creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Códex, mentres que artistas como Luis Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach ilustran coas súas fotografías a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.

En España e en Europa
A andaina europea desta exposición chega ao seu final en Le Puy-en-Velay despois de percorrer durante o pasado ano de 2013 as localidades italianas de Nápoles; Palermo, e Bari. En Alemaña iniciou unha xira en Stuttgart e despois foi a Würzburg. En canto ao noso país, estivo en Barcelona, Madrid, León, Pamplona, Málaga, Oviedo, Valencia e Baiona.

Arriba
Axúdanos a mellorar!