14 feb 2014

Nava Castro resalta na presentación da Feira do Cocido a importancia para o destino Galicia de potenciar os recursos endóxenos e de promover os produtos enogastronómicos de calidade

A directora de Turismo de Galicia interveu hoxe na presentación da XLVI Edición da Feira do Cocido de Lalín, que se celebrará o día 23 de febreiro. -Nava Castro destacou que o Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, para a busca da desestacionalización e de novos públicos. -Nesa liña de actuacións inclúense a promoción e a mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde de Lalín, José Crespo, acompañados do alcalde de Cangas, Enrique Sotelo e mais do concelleiro de Turismo de Lalín, José Antonio Rodríguez, presentaron hoxe en Cangas a XLVI Edición da Feira do Cocido.

A presentación, que este ano tivo lugar na comarca do Morrazo, incluíu tamén unha cata de viños de Monterrei dirixida pola enóloga Marta Fernández.

A Feira do Cocido de Lalín celebra neste 2014 a súa edición número 46 e continúa a celebrarse o domingo anterior ao domingo de Entroido. O evento conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional dende 2010. O día 23, Lalín acollerá a nova edición deste festexo que inclúe carrozas, charangas e comparsas, así como un pregón e un acto de investidura dos novos membros da Encomenda do Cocido. De igual modo, haberá unha exposición de produtos tradicionais no campo da feira.

Así se explicou esta mañá no acto de presentación que contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen resaltou o traballo e organización, promoción e difusión desta cita gastronómica que cada ano reúne a milleiros de persoas na capital do Deza. Ademais, explicou que se trata dun evento que cada ano rexistra máis actividades complementarias como os premios gastronómicos, xornalísticos ou deportivos. A directora falou ademais da gran oportunidade que supón a Feira do Cocido para descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares desta zona de Galicia.

A enogastronomía como recurso turístico diferencial
Ao tempo, Nava Castro explicou que entre as fortalezas identificadas no proceso de análise interno do sector turístico galego que se recolle no Plan Integral de Turismo de Galicia figura a gran variedade e calidade dos produtos enogastronómicos de Galicia como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais a respecto doutros destinos.

“O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle entre os seus retos o de posicionar Galicia como marca e como destino diferencial a nivel interno, nacional e internacional”, recalcou. E engadiu que entre os valores diferenciais que fan o noso destino único figura a enogastronomía. “Para potenciar ese elemento singular temos que segmentar e priorizar os mercados emisores e optimizar as novas canles de promoción e comercialización”, dixo.

De igual modo, a directora de Turismo comentou que dentro da nosa primeira liña estratéxica que pasa por potenciar o Camiño como eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional, figura o incremento do valor engadido e a rendibilidade da Ruta Xacobea. Tamén comentou que a través da Ruta Xacobea pode potenciarse tamén a enogastronomía galega, dado que contribúe ao deseño dunha oferta segmentada por intereses.

Nava Castro comentou durante a presentación que o Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, para a busca da desestacionalización e de novos públicos. Nesa liña de actuacións inclúese a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sustentables e de calidade, conectados coa oferta de turismo industrial.

O obxectivo desta liña é desenvolver e promover produto transversal do turismo enogastronómico e crear novos produtos turísticos para dinamizar a actividade e xerar experiencias turísticas senlleiras.

Arriba
Axúdanos a mellorar!