23 abr 2014

A directora de Turismo de Galicia presenta a tradución ao galego do libro ‘As floriñas de San Francisco’ no marco dos actos do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

Nava Castro realizou unha presentación desta coedición no Día Mundial do Libro e destacou o feito de o texto do século XIV foi traducido directamente ao galego do italiano medieval.


A edición conta con ilustracións de Darío Basso e está traducida por Darío Xohán Cabana. Trátase dun documento fundamental na tradición franciscana no que se recollen os inicios da fundación da orde e a impronta do culto xacobeo na vida do santo de Asís.

Presentación do libro, en Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou hoxe a tradución ao galego do libro ‘As floriñas de San Francisco’, unha acción divulgativa que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e que se celebrou hoxe en Compostela, data na que se conmemora o Día Mundial do Libro.

Na presentación interviñeron tamén José Antonio Castiñeiras, ministro provincial dos Franciscanos en Galicia; o tradutor Darío Xohán Cabana e máis o coeditor, Henrique Alvarellos.

Co gallo desta conmemoración edítase por primeira vez en lingua galega o célebre texto do século XIV sobre a vida do Santo de Asís. A tradición da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago parte das fontes franciscanas denominadas Actus Beati Francisci et sociorum eius, unha recompilación de finais do século XIII da vida e actos de San Francisco e os seus discípulos que se sintetiza nesta obra maxistralmente traducida do italiano medieval por Darío Xohán Cabana, un dos grandes expertos mundiais en literatura medieval italiana, e magnificamente ilustrada por Darío Basso. A tradución é pura dende o idioma orixinal.

A directora de Turismo explicou na súa intervención que, foi na Catedral de Santiago, segundo se recolle no capítulo IV desta obra, onde lle foi revelado ao Santo de Asís a súa misión de espallar a súa Orde polo mundo. ‘As Floriñas’ ten sido traducida a varios idiomas e conta con máis de 50 capítulos, cuxas letras capitulares foron feitas unha a unha e deseñadas polo ilustrador Darío Basso, que realizou outras 17 acuarelas para a edición. Segundo comentou Nava Castro, “trátase dun libro estético, unha pequena xoia bibliográfica que conservar como lembranza desta conmemoración e das ensinanzas do santo de Asís”. E engadiu que “a través dos actos conmemorativos deste VIII Centenario achegámonos á figura de San Francisco de Asís e á súa vinculación co culto xacobeo a través de diversas perspectivas”.

 

Proxectos culturais e eventos científicos e congresuais
Segundo lembrou a directora de Turismo, foi precisamente Asís, a terra de San Francisco acolleu o primeiro dos eventos da conmemoración, a mostra Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago, que se puido visitar o pasado verán e que neste verán 2014 chegará nunha versión ampliada ao compostelán Pazo de Fonseca.

Outros proxectos expositivos relevantes desta conmemoración foron San Francisco e o Belén, que se puido ver en Compostela este Nadal e que foi visitada por máis de 28 mil persoas. Nava Castro tamén comentou que neste momento, Compostela acolle dúas mostras enmarcadas nos actos relacionados coa efeméride. Unha delas é Auga Doce: unha exposición con diferentes expresións artísticas que pode visitarse na Cidade da Cultura ata setembro. E a outra, Il Cammino di Francesc; Unha mostra fotográfica de Steve McCurry que percorre os lugares e espazos sagrados da vida de San Francisco a través dos ollos deste prestixioso fotógrafo da Axencia Magnum.

Ademais, avanzou que Turismo de Galicia traballa na mostra On The Road, o gran proxecto expositivo do centenario; unha mostra de arte moderna que se desenvolverá no Pazo de Xelmírez e mais na igrexa e no cemiterio de Bonaval.

Proxectos expositivos itinerantes complementan a dinamización cultural do centenario, xunto coas programacións musicais e teatrais, como o programa Cultura no Camiño, que dende abril a setembro dinamiza con espectáculos as vilas xacobeas; ou as actuacións da Nova Galega de Danza, o festival de Música Sacra ou ciclos de cinema de temática franciscana.

A programación do centenario conta tamén con grandes citas congresuais, así, o primeiro Congreso de Peregrinacións e Turismo organizado en colaboración coa Organización Mundial del Turismo e a Secretaria de Estado de Turismo; o 1º Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que reunirá por primeira vez en Galicia aos representantes das Asociacións de Amigos do Camiño que existen por todo o mundo.

Ademais, Galicia acollerá este verán a Primeira Travesía Náutica Xacobea, que percorrerá máis de 1.500 millas náuticas e recalará en 14 portos de Italia, Francia, España e Portugal antes de chegar a Galicia, na súa Ruta Mediterránea e partirá de Inglaterra, Irlanda e Francia para confluír nas Rías Baixas coas embarcacións da Ruta Mediterránea.

Arriba
Axúdanos a mellorar!