12 mai 2014

A ONCE emite un cupón para conmemorar o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, o delegado da ONCE en Galicia e o ministro provincial dos Franciscanos presentaron esta iniciativa que ten por obxecto difundir a celebración da efeméride e os actos conmemorativos desta.

Emitíronse 5,5 millóns de cupóns para hoxe día 13 de maio. O cupón está ilustrado co logotipo da conmemoración, así como co monumento pétreo esculpido por Francisco Asorey e a fachada da catedral de Santiago.
 

Presentación do cupón da ONCE, en Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o delegado da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e mais o ministro provincial dos Franciscanos de Galicia, José Antonio Castiñeira, presentaron o cupón da ONCE que se emitiu con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Segundo explicou o delegado da ONCE en Galicia, emitíronse cinco millóns e medio de cupóns para hoxe, 13 de maio. O cupón dedicado ao VIII centenario está ilustrado co logotipo da conmemoración, así como co monumento pétreo do escultor galego Francisco Asorey dedicado ao santo de Asís e coa fachada do Obradoiro da catedral compostelana.

Iniciativas de colaboración e múltiples actos conmemorativos
A directora de Turismo de Galicia destacou as diversas iniciativas de colaboración que se teñen levado a cabo dende a Xunta de Galicia e a ONCE para promover o Camiño de Santiago ou o termalismo, entre outros aspectos da oferta turística do destino. E incidiu na importancia de promover o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a través desta acción.

Segundo recalcou, o obxectivo principal do programa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela é impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís, un dos grandes personaxes da historia da Humanidade.

Ademais, segundo dixo, perséguese estimular a participación do sector privado en proxectos relacionados coa dita conmemoración, cuxa transcendencia nacional e internacional poñen de manifesto os recoñecementos recibidos pola figura deste santo e a amplísima tradición do seu paso polo Camiño de Santiago.

A programación do centenario inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como as iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.

Segundo lembrou Nava Castro, foi precisamente Asís, a terra de San Francisco a que acolleu o primeiro dos eventos da conmemoración, a mostra Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago, que se puido visitar o pasado verán e que neste verán 2014 chegará nunha versión ampliada ao compostelán Pazo de Fonseca.

Outros proxectos expositivos relevantes desta conmemoración foron San Francisco e o Belén, que se puido ver en Compostela este Nadal e que lembraba a condición do santo de Asís como o primeiro belenista e que foi visitada por máis de 28 mil persoas.

Proxectos expositivos e culturais
A directora de Turismo destacou que neste momento, Compostela acolle dúas mostras enmarcadas nos actos relacionados coa efeméride. Auga Doce, unha exposición con diferentes expresións artísticas que pode visitarse na Cidade da Cultura ata setembro. E Il Cammino di Francesco, unha mostra fotográfica de Steve McCurry que percorre os lugares e espazos sagrados da vida de San Francisco a través dos ollos deste prestixioso fotógrafo da axencia Magnum.

Ademais, lembrou que Turismo de Galicia traballa na mostra On The Road, o gran proxecto expositivo do centenario, unha mostra de arte moderna que se desenvolverá no Pazo de Xelmírez e mais na igrexa e no cemiterio de Bonaval.

A directora de Turismo explicou que proxectos expositivos itinerantes complementan a dinamización cultural do centenario, xunto coas programacións musicais e teatrais, como o programa Cultura no Camiño, que dende abril a setembro dinamiza con espectáculos as vilas xacobeas; ou as actuacións da Nova Galega de Danza, o festival de Música Sacra ou ciclos de cinema de temática franciscana.

A programación do centenario conta tamén con grandes citas congresuais, así, o primeiro Congreso de Peregrinacións e Turismo organizado en colaboración coa Organización Mundial del Turismo e a Secretaria de Estado de Turismo; o 1º Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que reunirá por primeira vez en Galicia aos representantes das Asociacións de Amigos do Camiño que existen por todo o mundo.

Ademais, Galicia acollerá este verán a Primeira Travesía Náutica Xacobea, que percorrerá máis de 1.500 millas náuticas e recalará en 14 portos de Italia, Francia, España e Portugal antes de chegar a Galicia, na súa Ruta Mediterránea e partirá de Inglaterra, Irlanda e Francia para confluír nas Rías Baixas coas embarcacións da Ruta Mediterránea.

Arriba
Axúdanos a mellorar!