21 mai 2014

A Xunta colabora coa Asociación Párkinson Valencia no proxecto ‘Que tiemble el Camino’ que ten por obxectivo sensibilizar á poboación sobre esta doenza

Turismo de Galicia e a Consellería de Sanidade colaboran con esta iniciativa, promovida pola Asociación Párkinson Valencia, xunto coas de Albacete e Tenerife e que consistirá no percorrido do Camiño de Santiago dende Ourense a Compostela por parte de 13 afectados de párkinson.

Entre o 27 de maio e o 1 de xuño percorrerán a ruta supervisados por profesionais da asociación para dar a coñecer e sensibilizar sobre esta enfermidade

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e mais da Consellería de Sanidade colabora coa Asociación Párkinson Valencia no proxecto ‘Que tiemble el Camino’.

Na presentación deste acto que tivo lugar en Santiago, interviñeron o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, a subdirectora de Atención ao Cidadán e Calidade, da Consellería de Sanidade e mais a xerente da Asociación Párkinson Valencia, Bárbara Gil e o fisioterapeuta e director técnico, Nelo Villanueva, ademais dun dos participantes no percorrido polo Camiño, José Miguel Gómez Freire.

O proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, foi impulsado pola Asociación Párkinson Valencia, xunto coas asociacións de Albacete e Tenerife. ‘Que tiemble el Camino’ persegue tamén amosar o labor que se realiza dende estas entidades para superar e mellorar na enfermidade.

A este respecto, o xerente do Xacobeo apuntou que o Camiño de Santiago é unha experiencia única para os miles de peregrinos que cada ano realizan a ruta e constitúe un exemplo á hora de compartir o esforzo. “Un lugar no que todos nos igualamos e precisamos a axuda dos outros”. Destacou así mesmo a celebración ata mediados de 2015 en Galicia da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, e incidiu na figura do santo de Asís en relación á fraternidade que caracteriza á experiencia de ser peregrino a Santiago.

De igual modo, a subdirectora de Atención ao Cidadán e Calidade explicou que dende a Consellería de Sanidade mantense unha estreita relación coas asociacións de pacientes e conta cun órgano único, o Consello Asesor, no que se inclúen 78 asociacións, entre elas Párkinson Galicia, Párkinson Bueu e Párkinson Santiago. Tamén incidiu no traballo que con estes colectivos se realiza dende a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, na que se imparte formación en coidados e autocoidados con pacientes e familiares; así como na realización de foros en liña nos que son os propios pacientes acompañados dun profesional os que axudan a difundir as súas experiencias.

A xerente da Asociación, Bárbara Gil destacou que os peregrinos da asociación que participarán no proxecto proceden de Valencia, 9; de Tenerife, 2; de Albacete, 1 e de Barcelona, 1. Ao tempo destacou a colaboración coas diferentes asociacións e a importancia de facer ver á sociedade a través desta iniciativa os retos e dificultades deste tipo de doentes.

O web documental ‘Que tiemble el Camino’ busca dar visibilidade ás persoas con párkinson mediante unha campaña de sensibilización cidadá, onde a través da web se poderá seguir a evolución e a historia de cada un dos participantes. Dende o 27 de maio ata o 1 de xuño, 13 afectados percorrerán a Ruta Xacobea entre Ourense e Compostela e completarán os 108 quilómetros en seis etapas. Para isto, adestráronse durante meses. A iniciativa supón para eles un logro persoal e unha superación.

Barret Films xunto coa Asociación de Párkinson de Valencia fará un documental lineal e un web-documental interactivo con vídeos mensuais, así como un conxunto de ferramentas multimedia.

O webdoc permitirá coñecer a doenza fuxindo de tecnicismos médicos e a través de quen vive con el e do persoal profesional que apoia e traballa coas persoas afectadas día tras día. Contará con entrevistas e participarán tamén familiares en diferentes situacións cotiás.

O párkinson é unha doenza crónica, progresiva e invalidante da que aínda se descoñecen as causas. Diagnostícase cada vez en idades máis temperás e afecta máis de 150.000 persoas en España. Trátase dun trastorno neurolóxico, crónico e dexenerativo que afecta en Galicia 6.000 familias que precisan tratamento farmacolóxico e terapias de rehabilitación.

Arriba
Axúdanos a mellorar!