16 xuñ 2014

Turismo concede axudas a 34 Municipios Turísticos galegos para a contratación de persoal nas oficinas de información turística

Os Concellos, que contan coa declaración de Municipios Turísticos poderán contratar persoal para as oficinas de turismo entre os meses de xuño e setembro. A orde de axudas conta cun crédito de 175.000 euros Un total de 43 traballadores contrataranse nas oficinas de información turística dos municipios pertencentes ás catro provincias galegas.


As axudas concedidas por Turismo de Galicia perseguen unha mellora do servizo de información turística nos meses de maior afluencia.

Turismo de Galicia concedeu, a través da orde de subvencións dirixida aos Municipios Turísticos da Comunidade, axudas a concellos que contan con esta declaración para a contratación de persoal que reforce o servizo das oficinas de información turística. Un total de 35 Municipios Turísticos das catro provincias galegas contarán con este servizo a maiores grazas á orde de axudas de Turismo de Galicia dotada con 175.000 euros.

Así, 43 traballadores serán contratados durante os meses de maior afluencia turística para mellorar o servizo de información que se ofrece nos municipios e para reforzar a imaxe turística dos mesmos así como da comunidade.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia establece que os municipios turísticos e os suxeitos que prestan neles servizos deben ser obxecto de atención preferente no tocante á elaboración de plans e programas turísticos das administracións supramunicipais e autonómica; no relacionado coas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Xunta de Galicia e as deputacións provincias; nas actividades dirixidas á promoción interior e exterior do turismo e ao fomento da imaxe de Galicia como marca turística global e ás políticas de implantación ou mellora de infraestruturas e servizos que inciden no turismo.

Os Municipios Turísticos no Plan Integral de Turismo
O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na liña estratéxica 6, orientada a promover o consenso e a cooperación entre o sector público e privado para un marco eficiente e xerador de oportunidades, unha acción destinada a impulsar o desenvolvemento dos destinos a través da creación dunha rede de técnicos de Municipios Turísticos para o fortalecemento dos municipios como destinos turísticos.

Así, nesta acción inclúense medidas como o deseño dunha estratexia para a dinamización dos municipios turísticos con vocación sostible e enfocada á creación de destinos intelixentes; o desenvolvemento de campañas promocionais dos municipios de cara á desestacionalización; o establecemento dun Sistema Estandarizado de Recollida de Información para Estudos de Mercado turísticos, a través de enquisas a visitantes e empresas do sector turístico dos municipios así coma o seguimento de indicadores clave.

Ao tempo, promóvese dentro das actuacións desta acción do Plan Integral de Turismo de Galicia o apoio á creación e promoción de novos produtos turísticos nos municipios; o apoio á implantación dun Plan de Formación e Reciclaxe Profesional para axentes turísticos públicos e privados dos municipios, a implantación dun Plan de Estandarización dos procesos de Promoción e Información Turística nos municipios; o impulso da creación ou fusión de entidades xestoras para os territorios turisticamente homoxéneos ou o apoio para o deseño de plans estratéxicos por xeodestino que establezan a estratexia turística do territorio co obxecto de crear unha oferta diferenciada en cada xeodestino de fácil identificación.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!