07 xul 2014

As embarcacións participantes nas Rutas Atlántica e Mediterránea da I Travesía Náutica Xacobea confluirán nas Rías Baixas esta fin de semana

Os participantes na Ruta Atlántica partiron de Ribadeo este domingo para percorrer ata as Rías Baixas a I Travesía Náutica Xacobea impulsada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia.

Os tripulantes das embarcacións da Ruta Mediterránea arribaron a Porto, onde onte visitaron unha adega e de onde partiron cara o porto de Cangas, ao que chegarán sobre as 9,00 horas de hoxe martes.

As embarcacións que participan na Ruta Atlántica da I Travesía Náutica Xacobea xa percorren as costas galegas en dirección ás Rías Baixas.


O Real Club Náutico de Ribadeo foi o porto de saída da Ruta Atlántica da I Travesía Náutica Xacobea. Do porto zarparon 33 embarcacións procedentes de Irlanda, Francia, Inglaterra ou Bélxica, ademais de España, entre outros outros países. A ruta engloba a preto de 200 navegantes e numerosos visitantes, dispostos a gozar coas evolucións dos 33 barcos que sucan a costa norte galega en dirección a Boiro.

Pola súa banda, as embarcacións que realizan o percorrido da Ruta Mediterránea chegaron a Porto. Alí, os tripulantes realizarán unha visita a unha adega e xa pola tarde partirán cara o porto galego de Cangas, onde está previsto que arriben sobre as 9 da mañá de hoxe martes, día 8 de xullo.

As embarcacións desta Ruta Mediterránea que partiron o pasado día 15 de xuño do porto italiano de Xénova xa completaron nove etapas da Primeira Travesía Náutica Xacobea organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga no marco das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Xénova, Toulon, Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella, Punta Umbría, Sines e Cascais foron os portos aos que durante estes días foron arribando as embarcacións que fan esta peregrinación marítima na súa ruta Mediterránea ata chegar as Rías Baixas galegas. Na travesía participan 7 embarcacións –dúas delas da organización- e 39 tripulantes.

A ruta mediterránea percorrerá 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A ruta Atlántica percorrerá cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo da Cruz. Será neste último porto cando, o día 11 de xullo, a iso das dúas da tarde se xunten os barcos da ruta Atlántica procedentes de Ribeira e os que chegan da ruta Mediterránea dende Portonovo.

A Dirección Xeral de Xuventude participa tamén na iniciativa a través das actividades da Campaña de Verán para a mocidade galega. Así unha das goletas que completará o percorrido atlántico será a Goleta Nieves, na que a Xunta ofreceu 25 prazas a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos; “tripulantes” aos que neste caso non se lles esixe coñecementos náuticos e que, ao tempo que gozan da navegación, aprenderán algunhas das tarefas que se levan a cabo nunha embarcación de vela de gran eslora.

Turismo de Galicia organizou a travesía en colaboración con ASNAUGA (Asociación de Clubs Náuticos de Galicia) co obxecto de rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, configurando unha viaxe única en Europa polas súas características.

Arriba
Axúdanos a mellorar!