07 xul 2015

A Xunta entrega a 86 empresas turísticas de Vigo o distintivo oficial de adhesión ao sistema arbitral de consumo

O sistema arbitral de Consumo constitúe un instrumento que pon á disposición da cidadanía unha solución eficaz e rápida para resolver os conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo.

Na actualidade, Galicia conta cun total de 830 empresas turísticas adheridas ao sistema de arbitraxe, das cales 388 encóntranse na provincia de Pontevedra e 86 en Vigo.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou que adherirse a este sistema de arbitraxe supón ofrecer ao cliente unha garantía de calidade.

Nava Castro na entrega dos distintivos do Sistema Arbitral de Consumo ás empresas turísticas.

A delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo acolleu esta mañá a entrega dos distintivos do Sistema Arbitral de Consumo ás empresas turísticas da cidade adheridas a el. Un total de 86 empresas viguesas que poderán exhibir, tanto nas dependencias en que desenvolven as súas actividades cara ao público coma nas súas comunicacións comerciais, un distintivo oficial que informa da súa adhesión ao sistema de arbitraxe.

O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Mª José Bravo, a presidenta da Unión de Consumidores, Ana Olveira, e o secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López.

O sistema arbitral de Consumo constitúe un instrumento que pon á disposición da cidadanía unha solución eficaz e rápida para resolver os conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo.

Este sistema arbitral configúrase no sector turístico, así, coma un sistema extraxudicial de resolución de conflitos entre os consumidores e usuarios e as empresas turísticas.

Mediante este sistema pioneiro resólvense as reclamacións, sen prexuízo da competencia da Administración turística para incoar o oportuno expediente sancionador se os feitos transcenden do ámbito persoal e teñen relevancia para o sector turístico.

Deste xeito, as empresas e os consumidores e usuarios dispoñen no sector turístico dunha vía de canalización e resposta mais rápida, áxil e directa, respecto das súas controversias no ámbito turístico.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou que adherirse ao Sistema Arbitral de Consumo supón ofrecer ao cliente unha garantía de calidade engadida aos servizos que presta unha empresa e facelo ademais sen custo ningún.

Nava Castro, afirmou que cada vez son máis os establecementos que optan pola arbitraxe e cada vez máis os usuarios que buscan o seu distintivo. Na actualidade, Galicia conta cun total de 830 empresas turísticas adheridas ao sistema de arbitraxe, das cales 388 encóntranse na provincia de Pontevedra e 86 en Vigo. Pontevedra é, así, a provincia galega que conta con máis empresas turísticas adheridas.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que estes datos demostran o interese dos empresarios galegos por mellorar e continuar impulsando o sector turístico que, segundo afirmou, “é primordial para a nosa Comunidade”.

A responsable de Turismo da Xunta animou aos presentes a “continuar nunha senda cara á excelencia que redunde nunha mellora dos beneficios das vosas empresas e do destino Galicia”.

Así mesmo, Nava Castro afirmou que desde Turismo de Galicia continuarase procurando a exixencia constante, a mellora continua e a innovación como elemento indispensable para ser competitivos e que a calidade continúe sendo o noso selo de identidade.

A directora de Turismo de Galicia concluíu transmitindo os seus parabéns aos empresarios e empresarias turísticas distinguidas pola súa aposta polo turismo de calidade.

Pola súa banda, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, resaltou a importante traxectoria da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, dependente do Instituto Galego de Consumo, unha das máis activas a nivel nacional na resolución extraxudicial de conflitos en materia de consumo, e que acaba de estender a súa actividade ao sector turístico en colaboración con Turismo de Galicia. No ano 2014 a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia emitiu preto de 3.600 laudos, chegando nun 92% dos casos a acordos satisfactorios para o consumidor.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!