11 feb 2016

Novo albergue de peregrinos na Fonsagrada

A directora de Turismo de Galicia e a delegada territorial da Xunta en Lugo visitaron as obras de rehabilitación da Casa Pasarin para a súa conversión en centro de atención e albergue de peregrinos

Nava Castro sinalou que grazas a esta intervención preservarase e recuperarase o patrimonio cultural da vila e reforzarase as infraestruturas do Camiño Primitivo

A directora de Turismo de Galicia destacou que, a Xunta realiza grandes esforzos en conservar e protexer a rede de albergues pública con labores continuas de mantemento, reparación e mellora

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron  as obras de rehabilitación que están a realizarse na Casa Pasarin en A Fonsagrada para a súa conversión en centro de atención e albergue de peregrinos.

Trátase dunha das iniciativas anunciadas polo presidente da Xunta de Galicia tras a declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte e que constitúe unha aposta máis de Turismo de Galicia a prol da mellora da rede de albergues públicos do Camiño de Santiago.

A Casa Pasarín sitúase en plena zona vella de A Fonsagrada, no propio Camiño Primitivo que conduce a Santiago de Compostela. Tamén coñecida como Palacio de Pena María, esta edificación forma parte do patrimonio cultural da vila e está composta por planta baixa, piso, e fallado contando cunha superficie de 744 metros construídos e 500 útiles.

Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia sinalou que grazas a esta intervención, que leva consigo unha inversión de preto de 530.000 euros, cumprirase un triple obxectivo: preservar e recuperar o patrimonio, dar solución as necesidades dos peregrinos ao seu paso por A Fonsagrada e contribuír a dinamizar a economía da vila.

Así mesmo, Nava Castro destacou que con este novo albergue, situado nun dos puntos estratéxicos do Camiño Primitivo, a Rede Pública de Albergues enriquecerá a súa oferta, e esta Ruta Xacobea reforzará a súa infraestrutura mellorando a súa acollida de peregrinos.

A responsable de Turismo da Xunta asegurou que o feito de ter unha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos camiñantes resulta fundamental. “A dotación destas prazas de aloxamento, así como o feito de contar con prazas adaptadas a persoas con diversidade funcional fai da infraestrutura de aloxamento galega unha rede digna dun Patrimonio Mundial”, afirmou.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que, a Xunta de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta Rede de albergues pública con labores continuas de mantemento, reparación e mellora.

Rede pública de albergues
Na actualidade a Rede Pública de Albergues suma un total de setenta albergues que a día de hoxe ofrecen 3.278 prazas ao longo das rutas do Camiño de Santiago. Concretamente no Camiño Primitivo sitúanse seis destes albergues da rede pública.

Esta rede de albergues de Turismo de Galicia acolleu no pasado ano 2015 un total de 334.975 peregrinos rexistrando, pola súa parte, o Camiño Primitivo un total de 18.178 pernoitas, o que supuxo un incremento do 8,89% en relación a cifra rexistrada no 2014.

Forte incremento de peregrinos
Nava Castro destacou que a Ruta Xacobea ten cada vez mais adeptos seguindo unha forte progresión ascendente no seu número de peregrinos.

No 2015 recolleron a súa Compostela un total de 262.515 peregrinos, o que supuxo un máximo histórico nun ano non Santo e un incremento do 10,31% en relación aos peregrinos rexistrados no ano 2014.

Segundo sinalou a directora de Turismo de Galicia, “neste ano estas cifras van en aumento”. No que vai de ano xa chegaron a Compostela máis de 1.600 peregrinos, o que supón un incremento de máis do 5% en relación ao mesmo período do pasado ano.

No que se refire ao Camiño Primitivo, no 2015 escolleron esta Ruta Xacobea un total de 11.473 peregrinos. Neste ano, xa son 74 os peregrinos que chegaron a Compostela por este itinerario.

Arriba
Axúdanos a mellorar!