06 mar 2017

A directora de Turismo de Galicia enxalza o gran potencial turístico do medio rural, que incrementou a súa demanda en xaneiro un 8,5%

 Indicou que en 2016 os establecementos de turismo rural en Galicia superaron nun 8,7% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 17% o nivel de pernoitas de 2015

Salientou que o rico patrimonio arquitectónico da nosa Comunidade “fai que a oferta galega sexa singular e unha das máis atractivas de España”

 

Destacou a aposta da Xunta polo impulso do Turismo no medio rural como a liña de subvencións a través da cal 82 concellos rurais galegos puideron mellorar a accesibilidade física e a sinalización dos seus recursos turísticos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o gran potencial turístico do medio rural da Comunidade galega na inauguración das xornadas ‘Turismo Rural en Galicia’, organizadas na Cidade da Cultura polo Clúster Turismo de Galicia.

Nava Castro, explicou que Galicia ofrece un amplo abano de posibilidades para a práctica desta modalidade turística, “un xeito ideal de descansar e de poñerse en contacto coa natureza”.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia referiuse ás características xeográficas da Comunidade galega que a converten nun auténtico paraíso para descubrir e practicar novas formas de turismo.

A variedade das paisaxes da Galicia interior, a súa riqueza cultural, ademais do rico patrimonio arquitectónico, fan –segundo Nava Castro- “que a oferta galega de aloxamentos de turismo rural sexa singular e unha das máis atractivas de España”.

Oferta complementaria

 


Despois de lembrar que no territorio galego están establecidos case 600 aloxamentos rurais que ofrecen máis de 7.300 prazas, a directora de Turismo de Galicia referiuse á oferta complementaria que enriquece estas estancias.

Así, manifestou que “un dos nosos produtos turísticos máis consolidados e con maior éxito, edición tras edicións, é o Outono gastronómico”, a través do que os establecementos presentan cada outono interesantes ofertas enogastronómicas para toda a familia.

Por outra parte, Nava Castro, referiuse á situación xeográfica de Galicia, que a sitúa como “un lugar perfecto para a observación de aves”. Deste xeito, na Comunidade galega localízanse multitude de espazos naturais protexidos, entre os que destacan un parque nacional, seis parques naturais, 14 zonas de especial protección para as aves e cinco zonas húmidas declaradas de importancia internacional polo convenio Ramsar.

Dentro da oferta complementaria, Nava Castro tamén citou “a posibilidade única de descubrir novos camiños e paisaxes sobre dúas rodas”. A rede de Centros BTT de Galicia, permite –engadiu- “un plan perfecto: espazos ao aire libre deseñados e preparados para a práctica de bicicleta de montaña”.

Con todo, a directora de Turismo de Galicia mostrouse convencida da gran proxección do turismo rural na nosa Comunidade e destacou entre os principais obxectivos do seu departamento, o desenvolvemento do turismo na nosa Comunidade de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade.

Así, “traballamos pola potenciación do turismo e a valorización dos seus recursos -manifestou- como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”.

Liña de subvencións
Mostra disto, sinalou Nava Castro, é a liña de subvencións que convoca anualmente Turismo de Galicia para o fomento da accesibilidade e a sinalización nos recursos turísticos do medio rural galego para dotalo das infraestruturas e a sinalización axeitada para que sexa un recurso accesible para todos.

Deste xeito, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a través desta liña de axudas, “un total de 82 concellos rurais galegos puideron mellorar a accesibilidade física e a sinalización dos seus recursos turísticos como os espazos naturais, miradoiros e rotas de sendeirismo, praias marítimas e fluviais e bens de interese cultural”.

Cifras históricas


Nava Castro referiuse por último a que “grazas ao traballo de todos, tanto da Administración como do sector, o turismo rural está a rexistrar unha importante mellora na súa demanda”, e puxo como exemplo que o ano pasado os establecementos de turismo rural de Galicia superaron nun 8,7% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 17% o nivel de pernoitas de 2015, pasando así dos 210.000 viaxeiros e das 420.000 pernoitas, “cifras históricas para a nosa Comunidade”, segundo a directora de Turismo de Galicia.

Así mesmo, destacou que neste ano o turismo rural galego continúa na senda do crecemento ao incrementar a súas pernoitas no mes de xaneiro nun 8,5%.

Arriba
Axúdanos a mellorar!