06 mar 2017

Turismo de Galicia aposta pola difusión dos valores do Camiño de Santiago a través da itinerancia de dúas exposicións

A pasada  semana foi inaugurada no municipio granadino de Guadix a exposición Acogida y Hospitalidad en el Camino de Santiago. Fotografías de Manuel G. Vicente que poderá visitarse no Palacio de Villalegre ata o 30 de marzo

A mostra recolle unha selecta colección de imaxes que evidencian a importante labor que desempeñan os hospitaleiros voluntarios

 

Por outra parte, Turismo de Galicia inaugurou no concello de Caudete a exposición Camino de Santiago. Una visión desde oriente do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda

 Turismo de Galicia continúa coa súa aposta por difundir os valores do Camiño de Santiago a través da itinerancia de exposicións que deixan de releve a importancia adquirida polo fenómeno xacobeo e o grande interese que continúa espertando.

Así, a semana pasada foi inaugurada no municipio granadino de Guadix a exposición Acogida y Hospitalidad en el Camino de Santiago. Fotografías de Manuel G. Vicente que poderá visitarse no Palacio de Villalegre ata o 30 de marzo.

A mostra ofrece, a través dunha selecta colección de fotografías, unha homenaxe a todos os hospitaleiros que conforman unha pedra angular para as rutas xacobeas.

As imaxes, que foron sacadas nas últimas décadas, dende finais dos 90 ata hoxe, mostran a importante función que desempeñan estes voluntarios en diferentes albergues e puntos do Camiño de Santiago.

Así, permite afondar nesta labor desinteresada que realizan día a día as Asociacións de Amigos do Camiño e os hospitaleiros en todas partes do mundo inundando a Ruta Xacobea dunha esencia de fraternidade e solidarizade e difundindo os contidos culturais e espirituais do Camiño.

Ademais a exposición explica a través das fotografías como a medida que se avanza no Camiño, prodúcese unha comunicación a varios niveis: con un mesmo, coa propia Ruta Xacobea e cos compañeiros de Camiño, cos hospitaleiros e os paisanos.

A experiencia de Tomohiro Muda

Por outra parte, Turismo de Galicia, en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Sudeste Caudete e o concello deste municipio de Albacete, inaugurou tamén a exposición Camino de Santiago. Una visión desde oriente, do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda.

Estra mostra que chega a Castilla-La Mancha tras unha longa itinerancia iniciada en 2008 poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Caudete ata o 25 de marzo.

A exposición ofrece a visión sobre a experiencia que a peregrinación produciu neste fotógrafo xaponés.

Arriba
Axúdanos a mellorar!