13 mar 2017

Nava Castro destaca a consolidación do Camiño Portugués como segundo itinerario xacobeo máis transitado

A directora de Turismo de Galicia e o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, asistiron á inauguración do novo albergue de peregrinos da localidade amesá do Milladoiro

O ano pasado, preto de 50.000 peregrinos elixiron esta Ruta e no que vai de ano está a segunda ruta con máis peregrinos, só por detrás do Francés

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á inauguración do albergue de peregrinos da localidade amesá do Milladoiro, unha nova infraestrutura da Ruta Xacobea que ofrecerá acollida e hospedaxe aos peregrinos que realizan o Camiño Portugués, itinerario que se está a consolidar como segunda ruta máis transitada.

Acompañada polo arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio, Nava Castro puido coñecer as instalacións do novo albergue que, dixo, será “fundamental” para os peregrinos que escollan este itinerario e tamén para a localidade do Milladoiro, que conta cun férreo vínculo xacobeo e que está situado nunha Ruta cunha “extraordinaria riqueza monumental e paisaxística”, indicou.

Preto de 50.000 peregrinos en 2016


Neste sentido, recordou que o Camiño Portugués se está a consolidar como unha das rutas máis transitadas. Só o ano pasado foron preto de 50.000 os peregrinos que a escolleron, representando o 17,83% do total dos que Galicia recibiu en 2016. E este ano continúa a tendencia, porque no que vai de ano xa son preto de 1.000 os peregrinos que chegaron a Compostela pasando polo Milladoiro no Camiño Portugués, e representando máis do 24% do total.

A directora de Turismo de Galicia recordou a aposta do seu departamento por impulsar cada unha das rutas xacobeas para o futuro de Galicia e referiuse ao Plan Director do Camiño de Santiago como “a ferramenta de xestión na que se establecen as directrices necesarias para conseguir a conservación e a protección do Camiño na nosa Comunidade”, engadiu.

Como recordou, ao abeiro deste Plan, Turismo de Galicia xa levou a cabo varias accións como a orde de sinalización para adaptación das diversas Rutas Xacobeas á delimitación oficial, a creación das mesas provinciais dos Camiños, a implantación do servizo wifi na Rede de Albergues Públicos do Camiño ou o protocolo asinado entre a Xunta e o Concello de Santiago para mellorar a integración paisaxística dos camiños na súa entrada á cidade de Compostela, entre moitas outras.

Arriba
Axúdanos a mellorar!