06 xuñ 2019

A Xunta continúa co seu labor de internacionalización do turismo galego participando na Feria Kofta, en Corea do Sur

 

Este país é o oitavo que máis peregrinos achega ao Camiño de Santiago e este ano xa medraron un 25% en relación ao mesmo período de 2018
 
Imaxe do recinto de Galicia na feira coreana.

A Xunta de Galicia participou no certame turístico KOFTA International Tourism Industry Fair que se celebrou na capital de Corea do Sur.

No ámbito da internacionalización, a Consellería de Cultura e Turismo difundíu a oferta turística galega nun dos mercados emisores máis interesantes de Asia, atendendo á importante demanda dos recursos turísticos e culturais galegos que hai neste país, sobre todo en relación ao Camiño de Santiago.

Durante a feira, Turismo de Galicia participou tamén no encontro B2B Travel Mart, no que tiveron lugar varias citas entre os expositores e os axentes comerciais, ao obxecto de dar a coñecer directamente os recursos, os produtos e os servizos turísticos galegos entre os principais operadores.

No ámbito do Camiño de Santiago, Corea do Sur está entre os 10 primeiros países que máis peregrinos achegan á Ruta xacobea e no que vai de ano, 2.500 coreanos recibiron a Compostela, o que supón un 25% máis que no mesmo período do ano anterior.

Estreita colaboración

A Xunta mantén unha estreita colaboración con Corea do Sur neste eido. De feito, o ano pasado asinouse un memorando de entendemento coa División de Turismo e Deporte do Goberno metropolitano de Seúl. Con este documento, a Xunta e esta rexión coreana recoñecen a importancia da peregrinación e permite que ambos gobernos busquen o mutuo beneficio, facendo esforzos conxuntos de promoción e difusión para favorecer o seu desenvolvemento.

Esta alianza dá continuidade a diversos proxectos de colaboración con este país asiático, sumándose a outras iniciativas como a visita a Galicia de representantes dos itinerarios de Jeju Olle, que percorren a illa volcánica de Jeju, ou a celebración en Santiago de Compostela do World Trails Congress, un encontro que foi creado precisamente en Corea do Sur en 2010 e que escolleu Galicia como sede da edición do ano pasado. 

 

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!