24 xuñ 2019

Román Rodríguez destaca a dimensión social da Ruta Xacobea na presentación de ‘O Camiño dos Valores’

 O conselleiro de Cultura e Turismo agradeceu que a ONG UP2U Project Depende de Ti escolla o Camiño Inglés para celebrar a terceira edición desta iniciativa

 
A actividade válese dos valores da peregrinación para promover a inclusión daqueles mozos que están en situación de vulnerabilidade
Presentación do Camiño dos valores.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou na presentación da terceira edición de O Camiño dos Valores, unha iniciativa posta en marcha pola ONG UP2U Project Depende de Ti e que se serve dos valores solidarios da peregrinación para promover a inclusión daqueles mozos que, por diversas razóns, están en situación de vulnerabilidade.

O titular de Cultura e Turismo agradeceu aos responsables da ONG presentes no acto, Reyes Martel, titular do xulgado nº1 de menores das Palmas de Gran Canaria e presidenta de #UP2U Project Depende de ti; o maxistrado José Antonio Vázquez Taín, presidente da delegación galega da ONG, e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, membro do Padroado, que escollan o Camiño Inglés como escenario para levar a cabo esta iniciativa que contribúe a “potenciar a dimensión social da Ruta Xacobea e a fomentar os valores do legado xacobeo”. Nesta liña, Román Rodríguez explicou que as sendas de peregrinación funcionaron desde a súa orixe “como unha vía de civilización na que se unifican distintas culturas” e que é precisamente esta diversidade a que fai posible que a Ruta Xacobea “sexa moito máis que un camiño”.

“No Camiño dos Valores o importante non é a chegada a Santiago, senón participar nun proceso vivencial e espiritual no que paso a paso se constrúen novas experiencias, relacións, aprendizaxes, e valores”, sostivo o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta antes de desexarlle aos preto de 300 participantes unha experiencia frutífera na que sexan capaces de “aprender da experiencia do legado xacobeo e desfrutar dos encantos do Camiño e do carácter hospitalario dos galegos”.

Gran Canaria e A Coruña

Os participantes na iniciativa impulsada por UP2U Project Depende de Ti empezarán a súa aventura en Gran Canaria. Na vindeira semana o grupo percorrerá o Camiño de Santiago na illa de Gran Canaria, iniciando o seu trazado na praza de Tunte e rematando na praza de Santiago de los Caballeros de Gáldar. Concretamente, peregrinarán os días 28,29 e 30 de xuño e poderán ir selando a súa credencial durante toda a etapa.

Nos primeiros días do mes de outubro o grupo viaxará ata Galicia para completar o Camiño Inglés desde A Coruña. Trátase dun trazado que experimentou unha importante revitalización e que so no pasado ano foi percorrido por máis de 15.000 persoas. Co obxectivo de seguir fomentando a peregrinación por esta vía e de poñer en valor este importante trazado, a Xunta de Galicia ven de impulsar a apertura dun novo albergue no Poulo, Ordes, cun investimento de máis de 500.000 euros.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!