08 xul 2019

A Cátedra do Camiño de Santiago impulsada pola Xunta convoca a II edición dos seus Premios de Investigación

 A Consellería de Cultura e Turismo, a Universidade de Santiago e a Catedral colaboran nesta iniciativa para fomentar o coñecemento histórico e actual da Ruta Xacobea

 
Distinguiranse traballos en formato libro ou teses de doutoramento defendidas o ano pasado así como traballos de fin de grao ou fin de mestrado
 

 Co obxectivo de fomentar o coñecemento histórico e actual ao redor da Ruta Xacobea, a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa a Catedral e a Universidade de Santiago de Compostela vén de convocar a segunda edición dos seus Premios de Investigación.

Poderán concorrer persoas que se dediquen á investigación tanto de ámbito nacional como estranxeiro que teñan publicado durante o ano 2018 un traballo en formato libro ou que teñan defendido unha tese de doutoramento centradas en ambos casos no Camiño de Santiago ou as peregrinacións desde aspectos como o histórico, cultural, xeográfico ou turístico. Tamén poderán presentarse traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado defendidos durante o curso académico 2018-2019 que acadasen a máxima cualificación académica -sobresaliente- por parte das respectivas comisións.

Establecerase un único premio en metálico de 1.000 euros para o vencedor na categoría de libros publicados ou teses de doutoramento inéditas e haberá outro premio en metálico de 500 euros para a categoría do traballo fin de grao ou fin de mestrado. Os galardoados recollerán a testemuña do traballo inédito distinguido o ano pasado ao redor da peregrinación en Italia que supuxo un impulso económico para que a súa autora continuase coa súa investigación e facilitóuselle o acceso á documentación e bibliografía da biblioteca da Cátedra.

Investimento de 90.000 euros

As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar os seus traballos. Os detalles da convocatoria están dispoñibles na web www.caminodesantiago.gal.

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións é unha das iniciativas académicas máis importantes impulsada ao amparo do Plan Director do Camiño de Santiago e un instrumento clave para afondar nas raíces da peregrinación. A Consellería de Cultura e Turismo vén de estender a súa colaboración con 90.000 euros ata o Xacobeo 2021 que farán posible a posta en marcha de convocatorias como estes premios, a celebración de seminarios, relatorios e congresos internacionais así como o reforzo do seu fondo bibliográfico, entre outras actividades.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!