08 xul 2019

Operadores turísticos xaponeses coñecen a comunidade galega da man da Xunta durante o seu percorrido polo norte peninsular

Galicia organizou a viaxe xunto ao resto de comunidades integradas na España Verde, incluíndo no itinerario a Mariña lucense e Santiago de Compostela

 

 A Consellería de Cultura e Turismo continúa promovendo Galicia no mercado xaponés, no que está a aumentar o interese pola nosa comunidade como demostra o feito que na última década o número de peregrinos se multiplicase por cinco

Un grupo de operadores turísticos xaponeses coñeceron estes días Galicia da man da Xunta, nun itinerario organizado xunto ao resto de comunidades do norte peninsular agrupadas baixo a marca España Verde e que incluíu parada na Mariña lucense e na cidade de Santiago de Compostela.

Tras o seu paso polo País Vasco, Cantabria e Asturias, os profesionais xaponeses visitaron concellos como Ribadeo e coñeceron a capital galega, incluíndo unha visita ao Pórtico da Gloria para coñecer tamén un dos exemplos sobranceiros do patrimonio cultural da Comunidade. A visita enmárcase no traballo levado a cabo baixo co resto de membros da alianza turística da España Verde a través do que buscan reforzar a súa promoción a través de vínculos comúns como a enogastronomía, o seu potencial en turismo activo ou o Camiño de Santiago.

Nesta ocasión, a viaxe foi ideada especialmente para o mercado xaponés, cada vez máis interesado por recursos como a ruta xacobea. De feito, nos últimos dez anos a Oficina do Peregrino pasou de contabilizar 300 peregrinos xaponeses en 2008 aos preto de 1.500 do ano 2018, o que supón que a cifra se multiplicase por cinco.

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!