17 out 2019

Tres de cada catro empresarios do sector turístico galego prevé mellorar os seus resultados empresariais en outono

 As súas expectativas superan amplamente a media española, que se sitúa nun 56%, e o índice de confianza sitúase nun 7,9% positivo fronte ao -3,8% estatal

 

O informe reflicte que a nosa Comunidade apenas nota o efecto da quebra do touroperador Tomas Cook ou a incerteza internacional derivada do Brexit

O último informe de Exceltur sobre Perspectivas turísticas e balance empresarial do terceiro trimestre de 2019 indica que o tres de cada catro empresarios do sector turístico galego esperan aumentar ou manter os seus beneficios no cuarto trimestre do ano, coincidindo coa tempada media-baixa outonal.

As previsións de melloría son xeneralizadas na meirande parte das autonomías, aínda que as expectativas do sector galego superan amplamente a media española, que se sitúa nun 56%. De feito, Galicia é a sétima Comunidade con mellores expectativas, segundo Exceltur, Alianza para a Excelencia Turística, que representa a relevantes empresas do sector.

O informe reflicte que Galicia apenas nota o efecto da quebra do touroperador británico Thomas Cook ou a incerteza internacional derivada do Brexit, que si teñen unha gran repercusión en territorios como Baleares ou Canarias. Do mesmo xeito, o Índice de Confianza Turístico Empresarial no Sector Aloxamento (ICTUR) sitúase na nosa Comunidade en positivo, no 7,9% fronte ao valor negativo -3,8% rexistrado a nivel estatal.

Balance do verán

O informe de Exceltur recolle ademais a valoración dos empresarios turísticos sobre o terceiro trimestre do ano, correspondente aos meses do verán. Neste período, o sector da Comunidade percibiu un aumento xeneralizado dos principais indicadores analizados. En concreto, segundo esta enquisa, medrou o mantívose o emprego no 94,9% dos casos, os beneficios no 77%, as ventas no 76,2%, as reservas no 75,2% e os prezos no 73,5%.

Arriba
Axúdanos a mellorar!